A Xunta inicia traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Fraga no concello de Ordes

Augas de Galicia está a levar a cabo as actuacións nun tramo do río, de preto de 1,3 km de lonxitude, ao seu paso pola parroquia de Santa María de Ordes

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Fraga, no concello de Ordes.
Concretamente Augas de Galicia leva a cabo traballos nun tramo deste río, de preto de 1,3 km de lonxitude, que coincide co seu percorrido polo lugar de Ordes, na parroquia de Santa María de Ordes.

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta e atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2021