A Xunta destina 63.000 euros a mellorar a paisaxe da reserva da biosfera Terras do Miño en municipios da comarca de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o Goberno galego apoiou actuacións de acondicionamento de sendas e sinalización en Guntín, Rábade e Outeiro de Rei

Guntín (Lugo), 12 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou no último ano 63.000 euros a proxectos de mellora da paisaxe da reserva da biosfera Terras do Miño nos municipios de Guntín, Rábade e Outeiro de Rei, na comarca de Lugo.

Estas iniciativas foron subvencionadas a través do programa para fomentar a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e a sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que está aberta unha nova convocatoria desta liña de axudas e o prazo para presentar as solicitudes finaliza o día 5 de marzo. Está dirixida aos concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das reservas da biosfera de Galicia e a achega será do 100% do custo subvencionable, cunha contía máxima de 30.000 euros.

As axudas da última edición na comarca de Lugo serviron para desenvolver medidas de acondicionamento de sendas e de sinalización de recursos patrimoniais, que teñen un compoñente medioambiental -xa que mesmo se recuperan camiños tomados pola vexetación- ao tempo que fomentan o turismo de natureza.

Javier Arias desprazouse a Guntín para comprobar o resultado das actuacións de limpeza e mellora realizadas na ruta de Areas a Leboriz, en Francos. Os traballos consistiron no desbroce da maleza en 7,6 quilómetros de senda e a colocación de sinais direccionais en madeira. Durante a visita estivo acompañado pola alcaldesa, María José Gómez.

Outros proxectos

Outeiro de Rei tamén introduciu melloras en preto de 3 quilómetros da Ruta do Miño, que atravesa o termo municipal paralela á canle do río. Neste caso melloráronse as condicións de accesibilidade e seguridade coa reparación do firme nalgúns tramos deteriorados pola acción da auga, reposición dun muro de pedra derrubado e instalación de varandas na ponte de madeira existente sobre o río Santa Marta. Ademais, colocáronse ao longo do percorrido paneis interpretativos con códigos QR que dan acceso a vídeos con imaxes aéreas da paisaxe.

No caso de Rábade, a actuación céntrase na conexión entre o núcleo urbano e unha ruta perimetral de 9,2 quilómetros, dos que aproximadamente dous discorren ao carón do Miño. Para elo, instaláronse en distintos puntos da vila paneis informativos sobre a riqueza natural e cultural da reserva da biosfera Terras do Miño ao seu paso polo concello, que tamén orientan sobre o acceso máis próximo á ruta. Nestes puntos cubríronse os contedores para mellorar a imaxe da contorna.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2021