A Xunta solicitará ao Goberno central a xestión dos terreos do dominio público marítimo terrestre para culminar o traspaso de competencias a Galicia en materia de ordenación do litoral

O Goberno galego quere facer una xestión de proximidade do territorio costeiro, tal e como xa se fai en Andalucía e Cataluña, co fin de simplificar trámites e evitar a duplicidade que provoca a existencia de dous niveis administrativos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda defende exercer de xeito autónomo a política integral do espazo litoral galego no que se rexistran diferentes actividades, como a marisqueira, pesqueira, portuaria, e de planificación urbanística, e localizan máis de 5.000 edificacións con usos distintos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que, de acadarse, beneficiaría ao conxunto das empresas do complexo mar-industria no que ten que ver tramitación das súas concesións dotándoas dunha maior seguridade xurídica

Ambas conselleiras recordan que esta solicitude é complementaria á reivindicación trasladada ao Estado esta mesma semana, na que se demanda unha modificación da Lei de Costas, para aclarar os usos e facer extensible o réxime de protección dos BIC a determinadas edificacións
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia solicitará ao Estado o traspaso da xestión do Dominio Público Marítimo Terrestre, co fin de culminar o traspaso de competencias a Galicia en materia de ordenación do litoral que se iniciou en 1985. Así o avanzaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que defenden unha xestión de proximidade do territorio costeiro, pois a Xunta ten un coñecemento máis detallado que a administración estatal.

Tal e como explicou Ángeles Vázquez nun encontro virtual previo mantido con distintos representantes do sector mar-industria de Galicia trátase de demandar o traspaso das funcións e servizos en materia de ordenación do litoral, é dicir, a súa xestión -que non a propiedade dos terreos-, para simplificar trámites e evitar a duplicidade que provoca a existencia de dous niveles administrativos nesta zona e tomar decisións máis axeitadas. Unha xestión que Rosa Quintana asegurou que, de acadarse, beneficiaría ao conxunto das empresas do complexo mar-industria no que ten que ver coa tramitación das súas concesións dotándoas dunha maior seguridade xurídica.

A conselleira de Medio Ambiente asegurou que a Xunta quere dar un paso máis para que Galicia poida realizar unha mellor prestación do servizo público dos máis de 2.000 quilómetros de perímetro costeiro insular e peninsular, no que se sitúan 5.000 edificacións, entre as que existen colexios, estacións depuradoras de augas residuais ou centros de saúde; e na que conviven inmobles de diferentes actividades e ámbitos, como o marisqueiro, pesqueiro, portuario ou da ordenación do territorio. En definitiva, o Goberno galego quere exercer dun xeito autónomo unha política integral do territorio galego, tal e como hoxe en día xa xestiona Andalucía e Cataluña, dúas rexións que ademais teñen a capacidade de conceder os títulos de ocupación e de uso do DMPT, como son o outorgamento de autorizacións e concesións.

No transcurso da reunión na que tamén estiveron presentes a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, maila directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, as conselleiras defenderon que unha xestión integral do litoral galego, incluíndo o dominio público marítimo terrestre e os terreos contiguos suxeitos a limitacións e servidumes de protección, permitiría minorar as posibles perdas de eficacia na administración, a redución de demoras e inseguridade e tamén a eficiencia no uso dos fondos económicos.

Nese sentido, Ángeles Vázquez aclarou que é preciso modificar as normativas estatais para facilitar a emisión de informes sectoriais, especialmente en materia de costas. Así, tamén se solicitará unha simplificación administrativa, na liña da xa realizada pola Xunta na súa Lei do solo, que permita que os informes sectoriais estatais se emitan nun prazo máximo de tres meses, que o sentido do silencio administrativo sexa positivo -non negativo, como sucede actualmente-, que sexan recompilados por un único órgano e que se soliciten nun único momento, xa que na actualidade deben emitirse antes da aprobación inicial e da definitiva.

Modificación da Lei de costas do Estado

A conselleira de Medio Ambiente recordou que esta mesma semana a Xunta anunciou unha proposta para a modificación da Lei estatal de Costas, co fin de devolver o valor patrimonial aos máis de dous mil quilómetros de costa que existen en Galicia. Trátase dunha dobre modificación da normativa estatal que permitiría recuperar e darlle unha nova vida aos inmobles que se localicen no Dominio público marítimo terrestre (DPMT); así como para adaptala e coordinala ao contido da Lei do solo de Galicia, no relativo ás edificacións tradicionais existentes en servidume de protección.

Recordou que unha das modificacións fai referencia á Disposición Transitoria décima do Regulamento Xeral de Costas para aclarar que o uso residencial e o hostaleiro son análogos e intercambiables; mentres que a segunda afecta á Disposición Adicional terceira da Lei de Costas, para facer extensible o réxime contemplado na mesma para os bens inmobles declarados de interese cultural a todos aqueles bens que gocen dalgún tipo de protección patrimonial en virtude da normativa sectorial en materia de patrimonio cultural, tanto autonómica como estatal.

Grazas a este cambio facilitaríase a recuperación de antigas fábricas de salazón, conserveiras e pazos, entre outros edificios afectados; e daría cumprimento a unha das máximas do Goberno, como é a recuperación do patrimonio edificatorio da Comunidade.

Coñecemento próximo

A conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo do Goberno galego por acadar un coñecemento exhaustivo e próximo do litoral de Galicia, grazas ao deseño e implantación de plans, estudos ou normativas impulsadas pola Xunta, como: o Plan de Ordenación do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a Estratexia da paisaxe de Galicia, documentos aprobadas en 2011, a nova Lei do solo e o seu regulamento, así como o regulamento da Lei de protección da Paisaxe e das Directrices da paisaxe, que entrarán en vigor o vindeiro 20 de febreiro.

Grazas a estas ferramentas, Galicia conta cun corpus normativo completo en materia de paisaxe e urbanismo, que facilita o labor técnico e os procedementos administrativos derivados, garantindo a seguridade xurídica e os procesos operativos no que a planificación, ordenación e xestión do territorio. Coa transferencia da xestión do DMPT avanzarase un paso máis e sobre todo garantirá unha mellor xestión das zonas costeiras.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2021