O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantivo un encontro por videoconferencia con representantes desta organización
O 60% da superficie incorporada no 2020 ao sistema de Certificación Forestal PEFC en España proveu de Galicia

Ademais, o 87% dos novos silvicultores certificados con este selo o pasado ano no conxunto do Estado son galegos

José Luis Chan trasladou ao sistema de certificación PEFC o compromiso da Xunta coa xestión forestal sustentable e activa

O director xeral explicou os grandes obxectivos da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as claves da revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

Case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal polo sistema PEFC (Programa para o Recoñecemento de Certificación Forestal, en inglés Programme for the Endorsement of Forest Certification) proveu de Galicia. Así, das 124.010 novas hectáreas sumadas a este sistema no conxunto de España, un total de 73.679 corresponden á nosa comunidade. Con esta superficie incorporada, xa son 2,4 millóns as hectáreas certificadas no conxunto do Estado.

Ademais, dos novos silvicultores certificados en España no pasado ano, o 87% son galegos (5.530 dos 6.363 incorporados en 2020). Así, o total de silvicultores adscritos a este sistema é xa de 41.870 en toda España, dos que 32.875 – o 79% – proceden da nosa comunidade.

Lei de recuperación da terra e Plan Forestal

Estes datos foron postos en valor polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na xuntanza virtual que mantivo cos representantes do sistema de certificación PEFC Galicia e PEFC España. A reunión serviu para presentarlles os principais instrumentos da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, os polígonos cortalume e o impulso dun conxunto amplo de diferentes tipos de agrupacións forestais de xestión conxunta. Asemade, trasladoulles que, por primeira vez no Estado, desenvólvese a figura do silvicultor activo, vinculado á ordenación forestal sostible e á súa certificación forestal.

Doutra banda, José Luis Chan expúxolles as principais liñas e programas definidos na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e fixo especial fincapé na aposta decidida pola superficie baixo instrumentos de ordenación e xestión forestal. Sobre isto, o director xeral lembrou que un total de 677 beneficiarios poderán elaborar en Galicia ao longo do presente ano 2021 os seus instrumentos en case 200.000 hectáreas de monte, a través dunha orde de axuda pública cunha achega por parte da Xunta duns 4,5 millóns de euros. Estas subvencións están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter un selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento.

Por outra parte, o director xeral tamén lembrou que está aberto o prazo para solicitar as achegas que impulsan a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común (cmvmc). Nesta convocatoria establécense, entre outras, axudas para a obtención, por primeira vez, do selo de certificación de xestión forestal sustentable así como para o mantemento dese certificado nos montes veciñais, incardinándose perfectamente esta actuación coa devandita orde de axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 17/02/2021