A Xunta conclúe o trámite ambiental da modificación do PXOM de Santiago para establecer unha nova regulación de usos nos distintos ámbitos da cidade

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático acorda non someter o planeamento ao procedemento de avaliación ordinaria, tras descartar no seu informe efectos significativos previsibles sobre o medio ambiente

O Concello compostelán poderá continuar agora coa súa tramitación urbanística

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) vén de emitir o seu informe ambiental estratéxico sobre a modificación puntual do título III do PXOM de Santiago no que conclúe que non se prevén efectos significativos sobre o medio ambiente derivados da mesma e, por conseguinte, descarta sometela ao procedemento de avaliación ordinaria.

Deste xeito, ponse fin á tramitación do expediente por parte do órgano ambiental e a modificación do planeamento promovida polo Concello de Santiago poderá continuar coa súa tramitación urbanística.

A revisión que se propón do PXOM compostelán refírese ao título III do documento, con relación á regulación de usos. Neste sentido, o obxectivo principal que se persegue é definir un réxime de compatibilidades que propicie a variedade de usos nos distintos ámbitos da cidade e a permanencia da función residencial.

Desde o punto de vista dos seus posibles efectos ambientais, a estratexia de crecemento oriéntanse cara a unha mellor xestión do patrimonio construído fronte á ocupación e transformación urbanística de novos solos, o cal dende o punto de vista do consumo de solo e de recursos é positivo. Coas modificacións propostas no PXOM, preténdese contribuír á axeitada conservación dos valores culturais da cidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2021