A Xunta presenta unha proposta de bonificacións das peaxes da AP-9 que incluirá a gratuidade na viaxe de volta dos vehículos lixeiros ou descontos do 60% para vehículos pesados

Alfonso Rueda avanzou este modelo de deducións para que os 50 M€ consignados nos PGE para descontos nas peaxes desta autoestrada se traduzan nunhas bonificacións útiles e xustas e eviten o incremento de beneficios á concesionaria

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello a proposta da Xunta de bonificacións das peaxes da AP-9, para que os 50 M€ consignados nos Orzamentos xerais do Estado para descontos nas peaxes desta autoestrada se traduzan nunhas bonificacións útiles e xustas, evitando o incremento de beneficios á concesionaria.

Así, durante a súa intervención, avanzou dúas das propostas da Xunta que se pretende contribúan a aliviar o peto dun amplo número de galegos, xa que AP-9 vertebra Galicia e é unha das autoestradas coas tarifas máis altas do país.

A proposta da Xunta prima as bonificacións aos usuarios recorrentes, coa gratuidade da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen un sistema de telepeaxe, con independencia do día da semana que sexa. Ademais proponse aplicar un desconto adicional do 25% na ida para aqueles que volvan nun intervalo de 24 h, agás en domingos e festivos.

Por outra banda, a Xunta formula aplicar descontos do 60% en todas as viaxes, tanto na ida como na volta, para os vehículos pesados, pola especial consideración que merece o sector do transporte de mercadorías.

Logo de recordar que a Xunta leva moito tempo solicitando a anulación das subas extraordinarias das peaxes e que se libere a peaxe de Redondela, conforme ao comprometido, Alfonso Rueda sinalou que nos vindeiros días se debullará con maior detalle esta batería de propostas. “Son propostas que están baseadas no coñecemento de primeira man do noso territorio e da nosa rede de estradas, e que están amparadas polas cifras”, abundou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2021