A Xunta remata a mellora de eficiencia enerxética no IES A Sangriña da Guarda coa renovación da carpintaría exterior cun investimento de 250.000 €

A Xunta substituíu as fiestras e as persianas para acadar unha maior confortabilidade térmica no interior e segue coa modernización do centro tras destinar máis dun millón de euros a melloras na última década

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, supervisan a actuación, que se completou coa habilitación da antiga casa do conserxe en dúas aulas por seguridade sanitaria
 

A Guarda, 18 de febreiro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar o proxecto de mellora e reforzo da eficiencia enerxética no IES A Sangriña, no Concello da Guarda, coa renovación da súa carpintaría exterior cun investimento de case 250.000€.

Dita actuación foi supervisada esta tarde polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, con motivo do remate dos traballos, que pretenden favorecer o illamento e incrementar a confortabilidade térmica no interior para mellorar as condicións lectivas para a comunidade educativa.

“A Xunta de Galicia ten un compromiso inequívoco cunha educación pública de calidade e por iso está a desenvolver un plan global de acondicionamento dos centros educativos na provincia de Pontevedra que neste caso beneficiou a este instituto, de case 40 anos, para favorecer as condicións das clases”, explicou Luis López.

Os traballos realizados consistiron na substitución das fiestras e das persianas para acadar un edificio máis eficiente e illado do exterior e que presente unhas mellores condicións térmicas dadas as súas grandes dimensións, xa que conta con dous volumes e tres andares aos que se engaden espazos anexos como os obradoiros, o ximnasio e o pavillón.

Ademais, a actuación completouse coa reforma e habilitación da antiga casa do conserxe en dúas aulas para gañar espazo e responder, de xeito máis axeitado, ao protocolo de seguridade sanitaria fronte á covid-19. Esta obra tivo un orzamento de 40.000€.

Deste xeito, a Consellería de Educación segue co seu proceso de modernización do instituto guardés, no que, ao longo da última década, investíronse máis dun millón de euros en actuacións diversas, como o cambio de cuberta, a renovación das instalacións eléctricas, o reemprazo do sistema de calefacción, a substitución das redes de saneamento ou diversas reformas e redistribución de espazos, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2021