O Centro de Investigación Forestal de Lourizán desenvolve os seus estudos e traballos a prol do monte en case 200 hectáreas de 117 parcelas repartidas por toda Galicia
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF), dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolve nun total de 190 hectáreas de 117 parcelas repartidas por toda a comunidade os seus estudos e traballos a prol do monte galego. A denominada Redelou vén de culminarse neste 2021, co obxectivo de seguir ampliándose e actualizándose cada ano.

En concreto, estas 117 parcelas -catro delas propiedade da Agacal- están concibidas para apoiar os avances dos tres departamentos investigadores do CIF. Así, divídense na Redelou-Mexefor -centrada na mellora da xenética forestal e da silvicultura-, a Redelou-Ecofor -para a conservación dos ecosistemas forestais- e a Redelou-Protefor -para a protección forestal-.

Así, no caso da mellora xenética, estas parcelas de investigación activas permitirán afondar nos traballos do Centro para incrementar o coñecemento sobre a variabilidade xeográfica das poboacións dalgunhas especies, co obxectivo de planificar a conservación e o uso dos seus recursos xenéticos. Tamén servirá para a obtención de materiais forestais de reprodución de alta calidade xenética, tolerantes a distintos factores e seleccionados para adaptarse a diferentes condicións climáticas ou de solo.

No referido aos ecosistemas forestais, búscase actualizar a información para mellorar o coñecemento dos distintos compoñentes dos ecosistemas naturais, estudar a adaptación e preservación dos ecosistemas forestais ao cambio climático e potenciar o coñecemento, uso racional e aproveitamento dos produtos forestais non madeireiros co propósito de conseguir un desenvolvemento sostible. Por último, no tocante á protección forestal, o obxectivo é mellorar a planificación e mellora das técnicas e ferramentas de prevención dos lumes forestais, a mitigación do seu impacto ambiental e a restauración das áreas queimadas.

Colaboración de distintos departamentos da Xunta

Coa creación da Redelou, o CIF persegue compartir información con determinados departamentos da Xunta de Galicia, non só da Consellería do Medio Rural senón tamén das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de Cultura, Educación e Universidade e de Infraestruturas e Mobilidade.

Coa colaboración de todos estes departamentos, búscase non só garantir a protección destas parcelas de investigación, senón tamén realizar proxectos con intereses comúns e contribuír ao Programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 "Cara á neutralidade carbónica" que, entre outros, aposta pola conservación dos recursos xenéticos forestais da nosa comunidade, pola defensa do monte e pola preservación dos ecosistemas forestais.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 21/02/2021