Xunta e concellos avanzan en liñas de cooperación na loita contra a covid-19 cun plan para garantir unha apertura segura da hostalería

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe unha nova reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, na que tamén participou o presidente da Fegamp, Alberto Varela

A Xunta solicita a colaboración das policías locais para velar polo cumprimento das medidas anticovid nos locais da hostalería

Os municipios poderán empregar á plataforma da Xunta coa que se tramitan as axudas do II Plan de Rescate para facer chegar as súas aportacións, que se detraerán do Fondo de Cooperación Local co obxectivo de axilizar os pagos

O Goberno galego recibiu máis de 4.800 denuncias de concellos para colaborar na tramitación de sancións da covid-19 que son da súa competencia, no marco do convenio coa Fegamp ao que se uniron 175 municipios
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá, xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, na reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, co obxectivo de facer balance das liñas de cooperación entre o Goberno galego e os concellos e avanzar en medidas para loitar de forma conxunta contra a covid-19 como o plan para garantir unha apertura segura da hostalería.

Este plan guiará a desescalada do sector con tódalas garantías e basease en 3 piares: máxima seguridade no acceso debendo indicar o límite de aforo; a posta en marcha un sistema de rastrexo para facilitar a localización das persoas en contacto cun positivo ante un posible gromo; e máximo control nas medidas de prevención ante a covid-19.

Nesta liña, abordouse o Plan de colaboración coas policías locais para o cumprimento das medidas anticovid nos establecementos hostaleiros, a través do cal a Xunta empraza aos concellos a garantir o cumprimento das restricións vixentes nos negocios de hostalería cando o comité clínico decida a súa reapertura.

En concreto, controlarase que estes negocios informan e respectan o límite de aforo establecido, compren os horarios de apertura e peche, así como as demais medidas de prevención ante a covid-19 como manter a distancia mínima de seguridade ou o uso obrigatorio da máscara.

Os controis realizaranse por parte das Policías Locais nos concellos con este corpo de seguridade -máis dun cento en Galicia- e contarán con apoio das demais forzas de seguridade naqueles municipios que non dispoñan de efectivos de Policía Local ou non teñan creado este corpo de seguridade ao contar con menos de 2 axentes.
Por outra parte, no encontro de hoxe a Xunta presentou aos concellos a posibilidade de empregar a plataforma do Goberno galego para abonar as axudas do Plan de Rescate. Os municipios que desexen adherirse deberán indicar a contía que van a aportar a autónomos, microempresas e hostaleiros do seu ámbito territorial, que se lles descontará do Fondo de Cooperación Local, unha partida que a Xunta destina aos concellos cada ano. Este sistema permite unha tramitación áxil e pouca burocracia, dando resposta a prioridade dos sectores afectados para que as axudas cheguen canto antes.

A Xunta publicou onte a primeira das liñas do II Plan de Rescate dirixida a autónomos e microempresas e que conta cun orzamento de 60 millóns de euros. O próximo martes publicarase a segunda liña de apoios, 15 millóns de euros para os establecementos hostaleiros e outros negocios pechados como consecuencia das restricións sanitarias implantandas no mes de xaneiro para facer fronte á covid-19. En global, o segundo Plan de Rescate conta cun orzamento de 75 millóns de euros.

Ademais, a Comisión Galega de Cooperación Galega fixo balance hoxe do convenio asinado entre a Xunta e a Fegamp para prestar asistencia técnica e material que precisan os pequenos e medianos concellos na tramitación dos procedementos sancionadores vinculados a incumprimentos en ámbitos da súa competencia, contribuíndo así a axilizar a resolución dos expedientes e a paliar a carga administrativa dos concellos. Xa aceptaron o acordo 175 municipios, máis da metade, e recibíronse máis de 4.800 denuncias, das que se enviaron aos concellos para a súa sinatura máis dun milleiro acordos de inicio relativos aos expedientes sancionadores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2021