Política Social destina preto de 45.000 euros a Asperga para a atención e o apoio de persoas con Asperger e as súas familias

Recibe 20.600 euros da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF e outros 23.000 euros para a reforma dun local

Fabiola García reuniuse esta semana coa entidade con motivo da conmemoración do Día Internacional da Síndrome de Asperger

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2021

A Xunta destinou no ano 2020 preto de 45.000 euros á Asociación Galega de Asperger (Asperga) para a atención e o apoio de persoas con trastorno do espectro autista e o asesoramento das súas familias. A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse esta semana coa directora da entidade, Marisol García, para trasladarlle o seu apoio na semana na que se conmemora o Día Internacional da Síndrome de Asperger.

Esta entidade, que forma parte da Federación Autismo Galicia, conta con sedes na Coruña e en Santiago e atende a máis de 200 familias de toda a Comunidade. O Goberno galego destinou 20.600 euros a Asperga na orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF e, tamén lle concedeu outros 23.000 euros para a reforma dun local durante o pasado ano.

Fabiola García agradeceulle a Asperga o seu labor no acompañamento das persoas coa Síndrome de Asperger ao longo de toda a súa vida. Un labor para o que, sinalou, contan co apoio incondicional da Xunta de Galicia. Neste sentido, lembrou que no ano 2021 o Goberno galego incrementou nun 5% o investimento para a posta en marcha de oito novas unidades de atención temperá.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2021