Fernández-Tapias entrega as chaves a tres novos veciños do Casco Vello de Vigo

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta destaca o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial do organismo

Sinala que a inversión do Goberno galego, de 27,4 millóns de euros desde o 2005, permitiu poñer no mercado un total de 110 vivendas no barrio histórico vigués

Recorda que actualmente hai cinco rehabilitacións en marcha na zona alta e no Berbés grazas ás que 13 familias máis poderán asentarse no casco vello
 

Vigo, 22 de febreiro de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, vén de entregar no último mes as chaves a tres novos veciños do casco histórico. Trátase do número 13 da rúa Real, o 14 de Subida o Castelo e o 12 de Cruz Verde.

Neste contexto, Fernández-Tapias se referiu ás actuacións actualmente en marcha neste ámbito. Concretamente, lembrou as obras que se están a executar en cinco inmobles localizados na zona alta do Casco Vello e no Berbés, cun investimento de máis de 3,8 millóns de euros e grazas ás que 13 familias máis poderán asentarse neste barrio, ademais de obter dous novos locais comerciais. Asemade, referiuse ao proceso de adxudicación aberto para Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16.

Especial fincapé fixo a representante autonómica na intervención no número 13 da rúa Real, recentemente anunciada e que, tal e como recordou, permitirá obter catro vivendas e un local comercial. Segundo dixo, o investimento previsto para recuperar este edificio, que será licitado en canto se dispoña de licencia municipal, ascende a 675.000 euros.

Deste modo, a presidenta do CCVV destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización dunha zona histórica e degradada da cidade.

Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito que permitiron poñer no mercado un total de 110 vivendas e 33 locais, contribuíndo deste xeito a que o Casco Vello recuperase actividade comercial e social.

Xa por último, a delegada territorial volveu a insistir na necesidade de que o Concello habilite a vía da expropiación, que permitiría a compra de ata cinco edificacións que nestes intres e por distintas razóns non poden ser adquiridos polo ente rehabilitador. “Temos os proxectos e o orzamento para acometer estas intervencións, pero nos fan falla as ferramentas urbanísticas que permitan a súa adquisición e que dependen única e exclusivamente Concello”, sinalou a delegada.

Pacto Social pola Vivenda

Esta aposta pola rehabilitación realizada nos últimos anos no Casco Vello de Vigo enmárcase, precisamente, nunha das liñas estratéxicas do chamado Pacto Social pola Vivenda, un documento asinado a finais de xaneiro entre a Xunta e nove institucións e colectivos representativos do sector en Galicia no que se recollen case medio cento de medidas que marcarán a folla de ruta a seguir durante os próximos cinco anos e coas que se aspira a mobilizar 1.080 millóns de euros para axudar a máis de 70.000 familias.

Neste contexto, Fernández-Tapias lembrou que a Xunta daralle este ano un impulso definitivo ao barrio vigués de San Paio de Navia, reservando oito millóns para as expropiacións e as obras de urbanización, ademais de comezar coa comercialización das primeiras parcelas para que empresas e cooperativas poidan iniciar así a edificación das aproximadamente 1.600 vivendas públicas proxectadas neste ámbito residencial.

Tras sinalar que son máis de 12 millóns de euros os que se reservan nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a cidade de Vigo, que é ademais a que rexistra unha maior demanda residencial, fixo tamén referencia ás 62 novas vivendas protexidas que se están a construír nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas, nas que a Xunta inviste 8,4 millóns de euros e que estarán rematadas este ano.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/02/2021