Ao abeiro desta liña, os hostaleiros percibirán entre 1.900€ e 3.700€, pero tamén poden optar as achegas para autónomos e micropemes, polo que recibirán da Xunta ata 15.700€, que ademais son compatibles coas do primeiro plan
O delegado territorial, Luis López, e a xefa territorial de Emprego, Marta Mariño, celebran un webinar informativo con preto dun cento de representantes do sector e dos ximnasios, hostaleiros particulares e concellos da provincia de Pontevedra
O representante autonómico asegura que a Xunta “sinte os problemas do sector como propios e demostra o seu compromiso ao habilitar as liñas de axudas directas máis altas de España con 160 millóns de euros”
-
-
Compartir
-
A Xunta de Galicia vai publicar mañá no DOG a segunda e derradeira orde de axudas do 2º Plan de Rescate para axudar ao sectores afectados polos efectos socioeconómicos da crise sanitaria da covid-19 coa activación da liña específica para hostalería e outros ramos pechados cunha dotación de 15 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Martiño, celebraron este mediodía un webinar informativo sobre esta convocatoria dende o Edificio Administrativo de Campolongo que contou coa participación de preto dun cento de representantes do sector e dos ximnasios, hostaleiros particulares e concelleiros e técnicos de diversos municipios da provincia de Pontevedra.
Ao abeiro desta nova liña de axudas, cada hostaleiro poderá optar a unha axuda directa que oscilará entre os 1.900€ e os 3.700€ e cuxo importe dependerá da facturación, a porcentaxe de perda de ingresos ou o persoal contratado, entre outras circunstancias. Sen embargo, ditas axudas son compatibles coas liñas para autónomos e micropemes e que foron publicadas o pasado xoves. Por elo, e no marco das tres liñas do 2º Plan de Rescate, cada hostaleiro poderán recibir, da Xunta de Galicia, achegas de ata 15.700€.
“Cremos que se trata de contías importantes, que poden axudar a superar esta difícil situación, pero é que ademais de acumulables entre si, son compatibles con ter percibido achegas do 1º Plan de Rescate, polo que calculamos que os hostaleiros recibirán en total entre 3.400 e 24.200€ en apenas catro meses”, detallou Luis López.
O delegado territorial explicou que as axudas saen en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de axilizar ao máximo o proceso, tal e como pediron os representantes do sector, e conta cunha tramitación sinxela e exprés “para que estas subvencións cheguen canto antes aos afectados, que é o que queremos e o que sabemos que necesitan, porque queremos apoialos para salvar os seus negocios e empregos”.
O representante autonómico lembrou que a Xunta de Galicia aportou 14 millóns de euros en axudas para os hostaleiros da provincia de Pontevedra ao abeiro do 1º Plan de Rescate e estimou que, desta volta, “podería aportarse, cando menos, unha cantidade similar, polo que, ademais de compartir a súa preocupación e sentir os seus problemas como propios, tamén facemos un importante esforzo económico, máis que xusto dada a situación que padecen, coa liña de axudas directas máis alta das habilitadas en España, con 160 millóns de euros entre as dúas convocatorias, para este sector fundamental”.