A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal busca simplificar a obtención do documento obrigatorio para vehículos de traballadores transfronteirizos

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na presentación do novo proxecto da iniciativa b-Solutions promovida pola Comisión Europea

O encontro enmárcase nas primeiras reunións entre o experto designado para o proxecto e representantes das administracións, forzas de seguridade e traballadores transfronteirizos
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá no primeiro dos encontros do novo proxecto da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal dentro da iniciativa b-Solutions, que busca simplificar a obtención da “Guía de Circulaçao”, necesaria para os traballadores transfronteirizos cando utilizan o seu vehículo regularmente por territorio portugués.

Na actualidade, este documento unicamente pódese obter en liña e debe renovarse anualmente. Trátase dun procedemento gratuíto, pero a complexidade da súa tramitación, o descoñecemento da sua obrigatoriedade e as múltiples casuísticas que se dan entre aqueles que cruzan a fronteira levan a moitos traballadores a atoparse con sancións. E, por outra banda, xenérase un agravio comparativo respecto a os traballadores transfronteirizos portugueses, que non teñen que realizar ningún tipo de trámite.

O experto asignado pola Comisión Europea ao proxecto, Miguel Guimarães, reuniuse con representantes das forzas de seguridade, das administracións e dos traballadores afectados, para coñecer mellor o problema e avanzar na busca dunha posible solución.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o vicepresidente da CCDR-N, Beraldino Pinto, tamén participaron no encontro, e ambos recalcaron a necesidade de traballar para evitar que os habitantes das áreas fronterizas se vexan penalizados por obstáculos administrativos ou legais, polo seu lugar de residencia e traballo.

Ademais, coma se destacou durante este encontro, esta situación está a afectar en maior medida á fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal debido súa grande permeabilidade e a elevada interconexión económica, laboral e social existente na Eurorrexión.

Buscar solucións de abaixo a arriba

Para buscar unha posible solución que simplifique a obtención deste documento a AECT da Eurorrexión presentou con éxito unha candidatura na última convocatoria do programa b-Solutions. Esta iniciativa busca abordar dificultades e obstáculos de natureza legal e administrativa que afectan ás rexións fronteirizas da UE, e está promovida pola Comisión Europea, a través da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG REGIO), e xestionada pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE). Unha das súas características máis destacables é o enfoque “de abaixo arriba”, a pé de fronteira, en contacto coas administracións directamente implicadas, para coñecer os problemas concretos aos que deben enfrontarse os seus cidadáns polo feito de vivir ou traballar nunha zona de fronteira e propoñer solucións que sexan de posible aplicación tanto no caso estudado como noutras áreas.

Repetir o éxito da primeira participación

Esta non é a primeira participación da AECT da Eurorrexión no programa b-Solutions; xa na convocatoria de 2019 desenvolveu un proxecto centrado na simplificación dos trámites necesarios para a mobilidade de menores que realizan actividades culturais ou educativas transfronteirizas, xa que actualmente necesitan unha autorización dos pais cada vez que queren cruzar a fronteira. O desenvolvemento deste proxecto foi moi satisfactorio, e, como mostra da súa utilidade, as conclusións extraídas polo experto que traballou neste proxecto -o establecemento dun documento específico e estandarizado para facilitar estes movementos- contempláronse dentro da Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo aprobada no cume hispano-portugués celebrada o pasado mes de outubro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/02/2021