A actitude, a interacción con compañeiros e clientes ou a capacidade de resolver problemas, habilidades cada vez máis demandadas polo mercado de traballo

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, presentou hoxe nunha webinar a ‘Guía de habilidades’ e puxo en valor a formación para o emprego en capacidades non técnicas polo valor engadido que aportan aos proxectos

Salientou que cada vez máis o mercado de traballo demanda estas cualidades que son de especial utilidade no ámbito da atención ao cliente, contribúen a mellorar o ambiente de traballo e facilitan o éxito laboral

A xornada estivo focalizada a orientadores laborais, a técnicos de emprego e parados de larga duración

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, presentou hoxe nunha webinar a Guía de habilidades que afonda na capacitación non técnica de traballadoras e traballadores, unha cualificación cada vez máis demandada no ámbito laboral.

A xornada celebrada hoxe -a primeira de dúas que culminarán o próximo xoves- estivo organizada pola Fundación Pública Galega da Formación, que preside Lado, co fin de abordar a importancia da formación nas denominadas soft skills ou habilidades brandas, cada vez máis demandadas polo mercado. Dirixiuse a orientadores laborais, técnicos locais de emprego, parados de longa duración e persoal da Consellería de Emprego e Igualdade.

As habilidades brandas están relacionadas coa actitude e a relación cos compañeiros de traballo e cos clientes e “achegan valor engadido aos proxectos”, especificou Zeltia Lado. Á hora de acceder ao mundo laboral ou de buscar unha promoción ou cambio de sector “poden axudar a atopar o traballo que desexamos”, matizou a directora xeral, e lembrou que “hoxe son demandadas de forma destacada polas empresas á hora de contratar”.

As soft skills son habilidades non técnicas que se relacionan coa forma de traballar e teñen que ver coa actitude, a intuición e a forma de interactuar cos compañeiros, de resolver problemas e de administrar as tarefas. Comprenden calidades interpersoais, de comunicación, de escoita, de administración do tempo ou de empatía, entre outras.

Para Lado “son habilidades moi útiles nos traballos que se basean no trato ao cliente”. “Saber escoitar e ofrecer un trato educado, á vez que saber resolver os problemas e necesidades, son esenciais para este tipo de traballos, polo que as habilidades brandas son un valor engadido moi importante”, afirmou.

Segundo a directora xeral, outra das bondades destas capacidades, están na súa natureza, ao ser “elásticas e transferibles”, polo que a persoa que conta con elas “pode ser moi adaptable a novas tarefas e proxectos”.

Cada vez máis os responsables de persoal fíxanse moito nestas habilidades brandas, debido a que contribúen a mellorar o ambiente de traballo e facilitan o éxito laboral.

A pesares de que moitas dependen da propia persoa ou se poden adquirir mediante o desempeño reiterado dunha determinada tarefa, pódense traballar mediante cursos, talleres ou másteres específicos en ámbitos como a oratoria ou a intelixencia emocional, que a Xunta está a por en valor con iniciativas como a webinar de hoxe.

Documentos relacionados
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2021