A Xunta aproba o proxecto para desenvolver as conexións e zonas comúns que vertebrarán o futuro Campus do Mar en Vigo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa aprobación definitiva do chamado PS-1 nos terreos da antiga ETEA, unha superficie de 20.000 metros cadrados reservados para espazos libres, zonas verdes e o sistema viario

Entre as principais actuacións previstas cómpre subliñar a reurbanización da Praza de Armas e da Avenida Central, o acondicionamento dos espazos lindeiros da praia da Punta da Guía a as conexións cos sistemas xerais de infraestruturas

Dos seis proxectos sectoriais necesarios para o desenvolvemento completo do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, os tres promovidos polo Goberno galego están xa aprobados ou rematados, o que supón un pulo notable para o conxunto

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva do Proxecto Sectorial da área de viarios, espazos libres e infraestruturas (PS-1) nos terreos da antiga ETEA, un ámbito duns 20.000 metros cadrados reservado a albergar os espazos libres, as zonas verdes e todas as conexións do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar proxectado na zona, tanto as interiores como as que o enlazarán coa cidade de Vigo e nomeadamente co barrio de Teis.

O chamado PS-1 da ETEA foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o pasado 11 de febreiro. Trátase dun dos proxectos sectoriais promovidos directamente polo Goberno galego nestes terreos e cumprirá unha importante función vertebradora entre todos os ámbitos que integrarán o futuro complexo.

O acordo supón, ademais, un paso importante para poder seguir avanzando no desenvolvemento do futuro Campus do Mar, un ambicioso proxecto de carácter científico-tecnolóxico proxectado no lugar que ocupaba a antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), xa que deste xeito os tres proxectos que promove a Xunta de Galicia para poder desenvolver o ámbito están xa aprobados (PS-1 e PS-6) ou mesmo executados (PS-5).

Cómpre lembrar que debido ao seu carácter estratéxico para o conxunto de Galicia, o Campus Científico-Tecnolóxico do Mar foi declarado de incidencia supramunicipal, aprobándose en 2012 o Plan sectorial de ordenación territorial do mesmo, como instrumento encargado de fixar as condicións particulares para o seu futuro desenvolvemento.

Este plan conta cun triplo obxectivo. Por unha banda, a implantación do novo campus científico-tecnolóxico promovido pola Xunta, altamente especializado e chamado a ser un referente internacional en investigación mariña; a ordenación detallada dos usos complementarios abertos á cidadanía, para facelo un espazo máis atractivo e que contribúa á revitalización do barrio de Teis-A Guía no que se enmarca; e por último, a súa integración nun ámbito de singular valor cultural e paisaxístico respectando os valores da contorna.

Para cumprir con este fin, o Plan sectorial do Campus do Mar na ETEA prevé o seu desenvolvemento a través de seis proxectos sectoriais, dos cales dous están en tramitación (PS-2 e PS-3), outros dous acaban de aprobarse (PS-1 e PS-6) e un quinto foi xa executado (PS-5). O restante proxecto sectorial, correspondente ao ámbito PS-4 e que depende do Concello de Vigo, é o único que aínda non iniciou a tramitación ambiental.

No caso concreto do PS-1, abrangue o viario de acceso dende a avenida Mariña Española, a praza Beiramar, o peirao leste e a súa explanada anexa, así como os espazos lindeiros á praia da Punta da Guía. O ámbito está totalmente urbanizado e carece de edificacións polo que o desenvolvemento previsto centrarase en executar a súa renovación e posta en valor.

Deste xeito, entre as principais obras a desenvolver de forma conxunta, cómpre subliñar a reurbanización da Praza de Armas, limitando o tráfico rodado, e da Avenida Central para potenciar os percorridos peonís e executar unha nova galería soterrada pola que discorrerán a maioría das novas redes interiores de servizos (abastecemento, electricidade e telecomunicacións) e o resto de canalizacións paralelas a ela (saneamento e gas).

Ademais, tamén se acometerá o acondicionamento do cantil e a súa explanada anexa, así como do espazo que rodea a praia de Punta da Guía, onde se prevé executar unha zona verde, un itinerario peonil e varios carrís bici en continuidade cos do PS-5.

Así mesmo, o proxecto sectorial do PS-1 tamén prevé acometer as conexións exteriores cos sistemas xerais de infraestruturas (entre outros, a conexión viaria na intersección coa Avenida da Mariña Española; estación de tratamento; centro de transformación eléctrico...).

Investimento previsto no ámbito de 10 millóns

O investimento total previsto por parte da Xunta no ámbito do PS-1 ascende a 10 millóns de euros. Nesta contía inclúense os 2,8 millóns do custo do solo abonados xa no seu día, xunto co resto dos ámbitos adquiridos na ETEA, aos que haberá que sumar a partir de agora o custo das obras de urbanización, as conexións exteriores e os gastos derivados da redacción do proxecto sectorial e de execución, cun investimento estimado en 7,13 millóns.

En total e ata o momento, o Goberno galego xa leva executado un investimento de 7,7 millóns de euros en actuacións relacionadas cos tres ámbitos que promove directamente: o PS-1, o PS-5 e o PS-6. Nesta contía está incluído o custo de todo o solo adquirido no seu día na ETEA, así como as obras rematadas xa en 2015 na área de usos recreativos (PS-5).

Data de actualización: 23/02/2021