A Xunta intensifica a colaboración coas 'Residencias Paraíso' para apoiar oito novos proxectos de danza e artes vivas

A Consellería de Cultura contribúe con 34.000 euros á organización deste programa, impulsado polo Colectivo RPM coa implicación de nove espazos culturais, entre os que se atopan a Cidade da Cultura e o Salón Teatro

O 15 de marzo finaliza o prazo de solicitude para participar nesta iniciativa, que celebrará o seu encontro anual os días 24 e 25 de setembro na illa de San Simón

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia intensifica este ano o seu apoio ao programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM, que acaba de abrir ata o 15 de marzo o prazo de solicitude da súa quinta edición para a selección dun máximo de oito proxectos de danza e artes vivas. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é a principal patrocinadora desta iniciativa, cunha achega de 34.000 euros.

A Cidade da Cultura súmase en 2021 á nómina de espazos culturais que acollen estas residencias artísticas e da que tamén forma parte o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. O programa conta, así mesmo, coa colaboración das entidades xestoras dos restantes escenarios participantes: Teatro Rosalía Castro da Coruña, Pazo da Cultura de Narón, Pazo da Cultura de Carballo, Vello Cárcere de Lugo, Normal da Universidade da Coruña e Igrexa da Madalena de Ribadavia, ademais do Centro Torrente Ballester de Ferrol, que é a outra nova incorporación nesta quinta edición.

Proceso artístico e técnico

As Residencias Paraíso 2021 abren a súa convocatoria a oito proxectos de Galicia e do resto de España, para os que reserva un importe conxunto de 20.000 euros. Desenvolveranse entre os meses de maio e setembro e cada estadía terá unha duración de dúas a tres semanas nun dos devanditos espazos colaboradores, que pola súa diferente tipoloxía favorecen tanto o proceso creativo en todas as súas fases (investigación, escrita, dramaturxia, coreografía...) como o traballo de carácter técnico.

Como sinala o Colectivo RPM, o obxectivo é “fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio”, así como impulsar o importante papel das residencias artísticas como parte deste proceso.

Esta quinta edición do programa culminará co habitual encontro anual, que desta volta terá lugar os días 24 e 25 de setembro na illa de San Simón. No evento reuniranse todos os participantes nas diferentes estadías para intercambiar as claves de cada experiencia e reflexionar sobre temas transversais a este ámbito artístico. Así mesmo, este ano repetirase a experiencia Cruceiros Paraíso, que terá lugar o vindeiro verán no Auditorio de Galicia de Santiago en forma de xornada específica para tender pontes entre as Residencias Paraíso e outros contextos culturais.

Esta iniciativa enmárcase no traballo do Goberno autonómico por apoiar proxectos culturais baixo a fórmula das residencias artísticas. Nestes momentos está aberto o prazo ata o 12 de marzo para participar na primeira edición de Residencia Xacobeo, dirixida neste caso a tradutores literarios que traduzan unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo. Facilítase ao beneficiario a estadía para traballar e investigar na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico coruñés. A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2021