A Xunta reforzará a Formación Profesional en Ferrolterra cun novo centro integrado de FP, que suporá un impulso á innovación, á tecnificación e a empregabilidade nesta área industrial

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, reuniuse hoxe cos equipos directivos dos IES Leixa e Catabois para perfilar a nova organización educativa, enfocada sobre todo á mellora da calidade formativa e á futura inserción laboral dos estudantes

O novo CIFP Leixa reforzará a oferta dos outros dous CIFP cos que conta Ferrol, o Ferrolterra e o Rodolfo Ucha, ambos cunha recoñecida traxectoria en canto á calidade formativa que reciben os seus alumnos

A conversión deste centro suporá incrementar en 250 as prazas así como ofertar seis novos ciclos formativos

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vai reforzar de cara ao vindeiro curso as ensinanzas de Formación Profesional na comarca de Ferrolterra, de xeito que se incremente a oferta formativa de calidade vinculada ás necesidades socioeconómicas desta área industrial, en atención da demanda.

Así llo trasladou hoxe o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, aos equipos directivos do IES Leixa e do IES de Catabois, con quen mantivo unha reunión de traballo para presentarlles a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para esta zona.

José Luis Mira fixo especial fincapé na aposta do Goberno galego por unha maior tecnificación e innovación aplicada aos ciclos formativos e pensada para unha mellora da cualificación profesional, da empregabilidade e das condicións laborais dos mozos que optan por esta modalidade de formación.

Para tal fin, a estratexia da Xunta de Galicia é o reforzo e impulso da actual rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) que en Ferrolterra se vai materializar coa posta en marcha dun novo, o CIFP de Leixa, que se engade aos que xa funcionan nestes momentos e que teñen unha ampla e recoñecida traxectoria como é o caso do Ferrolterra e o Rodolfo Ucha Piñeiro.

Máis e mellor oferta

Así o vindeiro curso o novo CIFP de Leixa incrementará en máis de 250 as prazas nestas ensinanzas, ao tempo se implantarán seis novos ciclos formativos, con propostas innovadoras. No réxime ordinario implantaranse os ciclos de grao superior en Promoción da igualdade de xénero (que actualmente só existe en Pontevedra) e en Animación sociocultural e turística; mentres que no réxime modular para adultos se incrementará a oferta cos de grao superior en Anatomía patolóxica e citodiagnóstico e en Deseño e xestión da produción gráfica. Tamén se implantarán, neste caso na modalidade a distancia, o ciclo de grao superior en Integración social e o de grao medio en Farmacia e parafarmacia.

Por outra banda, duplicaranse as prazas ofertadas ata o de agora no ciclo medio de Farmacia e parafarmacia e no superior de Deseño e edición de publicacións impresas e multimedia, ata as 44 prazas en cada un deles.

Especialización en Servizos socioculturais

Así mesmo, o novo Leixa incorporará á súa oferta o ciclo superior de Educación infantil, que ata o momento se imparte no CIFP Ferrolterra. O obxectivo é avanzar cara á especialización do novo CIFP na familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade.

Este reforzo dos ciclos formativos leva parello unha reorganización educativa polo que os 53 alumnos que cursan este ano 1º de Bacharelato no actual IES Leixa pasarán o vindeiro curso ao IES de Catabois, que ata o momento imparte ESO e FP. Concentrar toda a ensinanza secundaria obrigatoria e postobrigatoria en Catabois permitirá ao alumnado acceder a máis programas educativos, así como a unha mellor oferta docente.

Oportunidade de emprego

A día de hoxe, a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia está composta por 20 centros (dous deles en Ferrol) asentados nas principais cidades de Galicia e que, logo dunha traxectoria afianzada, ademais de atender ás necesidades de cualificación formativa, actúan como enlace cos sectores produtivos cos que manteñen unha interlocución fluída a través dos coordinadores dos centros e que ten unha incidencia directa nos cambios tecnolóxicos, de organización e aproveitamento de recursos que incide de maneira positiva tanto nos propios centros coma nas empresas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2021