O delegado territorial da Xunta en Ourense visita as obras de mellora e embelecemento da contorna do Camiño de Santiago na Mezquita

Gabriel Alén mantivo un encontro co seu alcalde, Rafael Pérez, onde repasaron as principais demandas deste municipio en relación á administración autonómica

O delegado territorial visitou as actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan no Camiño de Santiago nos núcleos da Canda, A Vilavella e Pereiro de Abaixo, onde a Xunta investiu 15.000 euros
 

Ourense, 23 de febreiro de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello da Mezquita, dentro da súa rolda de encontros institucionais tras tomar posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial. Na casa consistorial mantivo un encontro co se alcalde, Rafael Pérez, onde repasaron as principais demandas deste municipio en relación á administración autonómica.

A continuación, ámbolos dous, visitaron as actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan no Camiño de Santiago nos núcleos da Canda, A Vilavella e Pereiro de Abaixo, onde a Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia investiu, 15.000 euros.

O delegado territorial sinalou que “o obxectivo desta liña de actuacións é levar adiante actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de cara a celebración deste Ano Xacobeo bianual”.

As actuacións que recolle esta liña de axudas supoñen unha mobilización de recursos de máis de 1.4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento, preto de 1 millón de euros.

Entre as actuacións que se posibilitan grazas a esta liña cóntanse a mellora e humanización de áreas de descanso, zonas verdes e mobiliario na contorna do Camiño, acondicionamento de fontes, muíños, hórreos e áreas recreativas así como embelecemento de vivendas, peches, valados, rehabilitación e acondicionamento de cubertas, revestimentos e edificios anexos ás vivendas.

Nesta edición un total de 31 concellos galegos e 56 particulares son beneficiarios con actuacións nos diferentes itinerarios do Camiño e nas catro provincias galegas. Por distribución xeográfica, Lugo conta con 31 proxectos concedidos, seguida de A Coruña con 24 e Pontevedra, con 23 proxectos, e Ourense conta con 11 actuacións beneficiarias, entre concellos e titulares de bens mobles o inmobles, recursos ou elementos situados no trazado xacobeo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2021