O delegado territorial da Xunta en Ourense visita o remate das obras de pavimentación da praza en Castiñeira en Vilariño de Conso

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu nestas obras máis de 54.000 euros

O delegado territorial explicou que “a Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas”
 

Ourense, 23 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata Vilariño de Conso para visitar, acompañado do súa alcaldesa Melisa Macía, o remate das obras de pavimentación da Praza en Castiñeira, nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu máis de 54.000 euros.

O delegado territorial explicou que “a Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas”. Neste sentido, -continuou o representante do Goberno Galego- “os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna”.

Gabriel Alén sinalou que “con este tipo de actuacións, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades, como parte da identidade de Galicia”. Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos concellos en proxectos urbanísticos que, coma este, buscan habilitar novos espazos públicos e poñer en valor certas zonas dos seus termos municipais.

Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Actuacións

As obras consistiron en diversas actuacións sobre unha superficie de solo rústico de 1.000 m2 para adecentar como espazo de recreo dos veciños e veciñas de Castiñeira. Deste xeito, procedeuse á demolición de tramos existentes con acabado de formigón ou asfaltado segundo os tramos, que estaban en mal estado de conservación, á pavimentación con formigón impreso con acabado para a manobra de autobuses e camións de servizo municipal, á creación das instalacións de saneamento, recollida de pluviais e canalización, ao bacheo de firme e rega asfáltica con dotación de 2 kg/m2 de emulsión, e ao estendido e compactado de nova capa de firme a base de aglomerado en quente de 5 cm de espesor, incluíndo rega de adherencia.

Plan Hurbe 2010-2019

A obra no concello de Vilariño de Conso enmárcanse dentro do Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2021