Conde defende o proxecto de Roche e Fidis como exemplo de que as unidades mixtas actúan como foco de atracción e retención do mellor talento investigador

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na mesa redonda ‘Colaboración
público-privada en investigación en saúde: Unidades Mixtas como modelo de éxito’

Puxo en valor o labor realizado ao abeiro desta inicaitiva que está posicionando a todo o equipo como referente internacional na investigación da biopsia líquida

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na mesa redonda Colaboración público-privada en investigación en saúde: Unidades Mixtas como modelo de éxito, na que sinalou que a colaboración entre Roche e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis) é un exemplo de que as Unidades Mixtas de Investigación actúan como foco de atracción e retención do mellor talento investigador, así como chamada á participación de empresas.

Conde asegurou que esta Unidade Mixta está permitindo afondar en novas solucións que mellorarán o diagnóstico, tratamento e monitorización dos pacientes de xeito individualizado e, ademais, está posicionando ao equipo que hai detrás como referente internacional na investigación da biopsia líquida. Segundo o vicepresidente económico, a suma do coñecemento dun centro de investigación como a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela xunto coa experiencia de mercado da iniciativa privada, representada por Roche, permite a súa transferencia tanto á industria como ao sistema sanitario de xeito efectivo.

Galicia está impulsando este modelo de alianza público-privada para desenvolver, con éxito, proxectos de I+D+i porque supón sumar sinerxías e talento, crear emprego cualificado e visibilizar o potencial do sistema galego. De feito, nos seis anos que levan en marcha as Unidades Mixtas de Investigación, xa se puxeron en marcha un total de 46 iniciativas cunha mobilización de 130M€.

Galicia seguirá no camiño de apostar pola colaboración publico-privada e, como exemplo, a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, coa que se busca afrontar os retos en materia sanitaria pero tamén para conseguir unha recuperación sólida, dixital, sustentable e social.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2021