Máis de 7.000 aspirantes examinaranse o 27 e 28 de marzo para 476 prazas de educadores, auxiliares de enfermería e categorías administrativas

As probas realizaranse simultaneamente en tres sedes distintas: o recinto feiral de Silleda, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o recinto da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense

Ademais, os exames para o grupo C2 de auxiliares de enfermería celebraranse en dúas quendas sucesivas

As autoridades sanitarias avalan o protocolo da Xunta para a realización das probas con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade

Os aspirantes poderán consultar no portal corporativo da Xunta o día e hora de celebración dos exercicios, a sede e o pavillón
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

Un total de 7.551 opositores están chamados a participar nas probas que se celebrarán o vindeiro 27 e 28 de marzo para acceder a 476 prazas de educadores, auxiliares de enfermería e categorías administrativas. A Xunta anuncia as datas dos exames logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa realización seguindo protocolos que garanten a súa realización con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible. Neste marco, os exames realizaranse simultaneamente en tres sedes distintas: o recinto da Feira internacional de Silleda, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o recinto da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense. Ademais, os do grupo C2 de auxiliares de enfermería terán lugar en dúas quendas sucesivas.

O sábado 27 pola mañá realizarase simultaneamente en Silleda, Lugo e Ourense o exame para 85 prazas do grupo A2 do Corpo de Xestión//Grupo II para o que están convocados 2.002 aspirantes; e pola tarde terán lugar tamén de xeito simultáneo nas tres sedes, as probas para 86 prazas do grupo A2 Educadores nas que están chamadas a participar 1.965 persoas.

A continuación, o domingo 28 celebraranse simultaneamente nas tres sedes e en dúas quendas sucesivas (mañá e tarde) o exame para 305 prazas do grupo C2 Auxiliares de enfermería con 3.584 aspirantes convocados.

Protocolo avalado polas autoridades sanitarias
Todas as probas se realizarán conforme ao protocolo elaborado pola Xunta de Galicia e avalado polas autoridades sanitarias. Os exames terán lugar de xeito simultáneo no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas; e no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e no recinto da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense con capacidade cada un deles para arredor de 1.800 persoas.

Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas (salvo no caso de que precisen asistencia).

Terán que presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Os aspirantes que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas (día e hora de celebración dos exercicios, sede, pavillón) e ás medidas de seguridade no portal corporativo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/02/2021