O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisaron hoxe esta actuación
A Xunta avanza que as obras de integración paisaxística do Camiño Francés entre O Tangueiro e San Lázaro estarán rematadas en abril, logo dun investimento autonómico de 1 M€

O Goberno galego leva tempo traballando arreo para aproveitar ao máximo esta oportunidade histórica de ter un Xacobeo que se estende ata 2022

Ethel Vázquez concreta que as obras entre O Tangueiro e San Lázaro xa se atopan ao 92%, restando traballos de aglomerado, xardinería e pequenos detalles

O primeiro treito, desde a Ponte de San Lázaro ata a glorieta sobre a SC-20, inclúe un itinerario para os peregrinos e a substitución da varanda sobre a vía do tren

Na zona do Tangueiro mellorouse a accesibilidade, aproveitando a parcela fronte ao restaurante para habilitar 16 prazas de aparcadoiro

No segundo tramo, entre a glorieta sobre a SC-20 e San Lázaro, ampliouse o espazo para o paso dos peregrinos e colocáronse varandas nos dous lados da senda

A obra enmárcase no proxecto integral de posta en valor dos Camiños en Compostela para crear unha linguaxe única ao longo da Ruta Xacobea, que estará culminado antes do verán cun investimento da Xunta de 10,5 M€

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

A Xunta avanza que as obras de integración paisaxística do Camiño Francés entre O Tangueiro e San Lázaro estarán rematas en abril, logo dun investimento autonómico de 1 millón de euros.

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisaron esta mañá as obras de mellora que se están levando a cabo nesta contorna.

A Xunta leva tempo traballando arreo para aproveitar ao máximo esta oportunidade histórica de ter un Xacobeo que se estende ata 2022. Así, cómpre que todo estea listo para recibir aos peregrinos e retomar o turismo cando a situación sanitaria o permita.

Un dos proxectos nos que se está a traballar é o da adecuación das entradas dos Camiños históricos a Compostela, sendo unha das actuacións máis importantes a da contorna do Monte do Gozo, que se estende ata a entrada da cidade polos Concheiros, un dos accesos mais simbólicos a Santiago.

Vázquez Mourelle concretou que xa se están a ultimar os traballos nesta zona do Tangueiro ata San Lázaro para acadar unha mellor integración do Camiño na trama viaria e urbana, transformando os espazos para facelos máis seguros e máis humanos.

Sinalou que as obras xa se atopan ao 92% da súa execución total, pois só restan traballos de aglomerado e pintura, a colocación da pedra da glorieta sobre a estrada SC-20, xardinería e pequenos detalles.

Dous treitos

Estas obras, ao longo de case 1 km, comprenden dous treitos diferenciados. O primeiro abrangue a Ponte de San Lázaro, tras a nova ponte da N-634 sobre a AP-9 de recente remodelación, e chega ata a glorieta sobre a SC-20.

Neste tramo déuselle continuidade a un itinerario para os peregrinos na marxe esquerda e outro máis estreito na dereita e substituíuse a varanda metálica sobre a vía do tren, proporcionando maior protección, e cun acabo máis estético, máis acorde co Camiño.

Na zona do Tangueiro, mellorouse a accesibilidade, coidando as entradas ás vivendas. Tamén se ampliou a zona de paso peonil e habilitouse unha nova parada de autobús.

Na área de aparcadoiro, na parcela fronte ao restaurante, habilitáronse 16 prazas e un novo paso de peóns para reforzar a seguridade.

O segundo treito engloba desde a glorieta sobre a SC-20 ata San Lázaro. No contorno da rotonda, ampliouse o espazo para o paso dos peregrinos, dispoñendo varandas e barreiras de seguridade a ambos lados da senda, ademais de elementos vexetais.

En San Lázaro e na rúa Miguel Ferro Caaveiro, reordenáronse as beirarrúas, situándoas polo medio da zona axardinada e prescindiuse do aparcadoiro do lado esquerdo para lograr un trazado máis directo e resgardado do tráfico, con franxas axardinadas que diminúen o impacto visual e sonoro do tráfico.

Posta en valor dos Camiños

Esta actuación enmárcase no proxecto integral de acondicionamento e posta en valor dos Camiños de Santiago en Compostela, cun investimento autonómico de 10,5 M€, e que estará finalizado antes do verán, segundo apuntou a conselleira de Infraestruturas.

No marco desta ambiciosa iniciativa, que pretende lograr unha linguaxe única ao longo da Ruta Xacobea, a Xunta actuou no Camiño Inglés, no Tambre; no Camiño Francés, na baixada do Monte do Gozo, entre a AP-9 e San Lázaro e tamén no cruce de Concheiros; e no Camiño Portugués, ao seu paso polo barrio de Conxo.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que o Goberno galego mellora os Camiños na súa entrada en Compostela, a pesar de ser vías estatais ou municipais, pois os peregrinos e veciños non miran ás competencias, senón á comodidade, seguridade e aos servizos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/02/2021