Finsa reforza a súa competitividade co apoio da Xunta impulsando a implantación de tecnoloxías dixitais nas súas plantas

O grupo empresarial, referente no sector galego da madeira, presentou hoxe os resultados do proxecto de I+D+i 'Tecnoloxías dixitais para a industria madereira do futuro-SMART4WOOD', desenvolto en colaboración co centro tecnolóxico Aimen

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, apoiou esta iniciativa con 1,2 M€

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na clausura da xornada de presentación de resultados do proxecto Tecnoloxías dixitais para a industria madereira do futuro-SMART4WOOD do Grupo Finsa, que contou cun apoio da Xunta de 1,2 millóns de euros dentro do programa de Fábrica intelixente e sostible. Este proxecto de desenvolvemento industrial permítelle á empresa madeireira reforzar a súa competitividade a través da implantación de tecnoloxías dixitais adaptadas ás súas plantas de fabricación, facilitando así a súa transición cara ao novo paradigma de fábrica flexible, eficiente e conectada.

A directora de Gain destacou o carácter estratéxico deste proxecto, que está orientado ao desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para conseguir un modelo produtivo altamente innovador, e o seu impacto sobre o tecido industrial galego, sobre o que se agarda exerza un efecto arrastre, contribuíndo así á competitividade da economía galega no seu conxunto.

Argerey apuntou que a transición ecolóxica e dixital é unha das prioridades do plan de reactivación económica da Xunta, na medida en que contribúe a modernizar o tecido industrial galego e a impulsar un crecemento baseado no coñecemento, verde, inclusivo e social. A Administración autonómica aposta pola modernización da industria e o seu crecemento apoiándose nos sectores estratéxicos da economía para convertelos en motores que arrastren e mobilicen a todo o tecido produtivo, fundamentalmente ás pemes.

O proxecto de Finsa -sinalou Argerey- “cumpre con estes obxectivos”, xa que se centra nun sector, o madeireiro, de gran peso para Galicia; pon o foco na personalización e na dixitalización dos procesos produtivos, o que permitirá reforzar a competitividade do Grupo Finsa e responder aos novos requirimentos dos clientes; e permitirá maximizar a transferencia das tecnoloxías desenvoltas a unha ampla gama de procesos, industrias e sectores, favorecendo o efecto arrastre sobre o tecido industrial, grazas á colaboración co centro tecnolóxico Aimen que achega o seu coñecemento no desenvolvemento e implantación destas tecnoloxías.

Para rematar, a directora de Gain felicitou ao equipo de preto de 50 persoas que participaron no proxecto, así como ao grupo empresarial polo seu compromiso co ecosistema galego de innovación, a través da participación na Unidade Mixta de Investigación xunto á Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da economía circular da madeira para unha construción baixo enerxética e a súa implicación no Hub de Innovación Dixital DATAlife, vencellado á bioeconomía.

Apoio a un novo proxecto de Fábrica intelixente

Argerey tamén informou de que o Grupo Finsa acaba de resultar beneficiario doutra axuda do programa de Fábrica intelixente e sostible, cofinanciado a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co proxecto Enxeño+. Neste caso, investigará en novas tecnoloxías habilitadoras 4.0 en produción sostible de novos taboleiros de alto valor engadido. Finsa, que recibirá unha axuda de 2,64 millóns de euros, contará con entidades colaboradoras como Aimen, Cesga, Citius ou Energylab, e empresas tecnolóxicas como Imatia, Dalp e DXC.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/02/2021