A Xunta resolve unha nova convocatoria do programa Fábrica intelixente que, cunha mobilización de preto de 57 M€, apoiará 9 proxectos da automoción, a industria alimentaria ou as renovables

Feijóo sinala que contribuirá á creación ou mantemento de 600 postos de traballo

Destaca que desde a posta en marcha deste programa en 2016 o Goberno galego ten apoiado 24 proxectos con axudas que ascenden a case 73 M€, mobilizando 272 M€
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha da cuarta convocatoria do programa Fábrica intelixente e sostible que, cunha mobilización de case 57 millóns de euros, apoiará nove proxectos en sectores estratéxicos para a economía galega como a automoción, o alimentario, as enerxías renovables, a industria da madeira ou a loxística.

Cun apoio público que suma 21 millóns de euros, Feijóo aseverou que estas iniciativas, nas que participan 23 empresas e seis organismos de investigación, contribuirán á creación ou mantemento de máis de 600 postos de traballo.

Así, no tocante á primeira iniciativa, impulsada por PSA, o responsable do Goberno galego subliñou que contará cunha axuda pública que supera os 9 millóns de euros e o investimento total do programa chega a 23 M€. O obxectivo é seguir afondando na eficiencia enerxética, no vehículo autónomo e no vehículo conectado.

Cun apoio da Administración autonómica de 722.000 euros para un investimento total de 6,4 millóns de euros, e tamén no sector da automoción, desenvolverase un proxecto promovido por Benteler, que buscará transformar a planta da compañía en Valladares, Vigo.

En relación ao proxecto que desenvolverá Silicio Ferrosolar, do Grupo Ferroglobe, Feijóo resaltou que estará centrado na fabricación de nanocompostos para baterías. Así, contará cun investimento total de 2,8 millóns de euros, buscará mellorar a densidade enerxética e o custo e a sostibilidade das baterías ion-litio, facilitando a evolución e a transformación do sector automobilístico.

No ámbito da industria alimentaria, o grupo Nueva Pescanova liderará no Grove unha iniciativa para a que contarán cun apoio de 1,15 millóns para un proxecto por un importe total de 2,5 millóns de euros.

Pola súa banda, a compañía pontevedresa Hifas da Terra liderará un proxecto que estudará, xunto con Anfaco-Cecopesca, distintos complementos nutricionais a escala piloto. Contará cunha axuda da Xunta de 1,5 millóns para un investimento total de 2 millóns de euros. E o proxecto liderado por Finsa, investigará sobre novas tecnoloxías para novos taboleiros de alto valor engadido, que contará cun investimento total de 10,5 millóns de euros, dos que a Xunta financia 2,6 millóns de euros.

Pola súa banda, GRI Towers, con sede no Carballiño, impulsará a iniciativa centrada na dixitalización de procesos de fabricación de torres eólicas, que contará cun investimento total de preto de 2,4 millóns de euros.

Cun investimento total de 3,7 millóns de euros, o grupo do sector da lousa Cupa desenvolverá outro dos proxectos relacionados coa fabricación baseada na analítica avanzada e na aplicación de intelixencia artificial na toma de decisións.

Por último, a marinense Galigrain, do grupo Nogar, liderará unha iniciativa coa que se buscará obter avances tecnolóxicos nas principais actividades loxísticas portuarias cun investimento total de 3,3 millóns de euros que van investir no porto exterior de Punta Langosteira. A este respecto, o presidente da Xunta volveu lembrar a importancia da saída ferroviaria para esta infraestrutura portuaria.

Cómpre salientar que, desde a posta en marcha en 2016 do Programa Fábrica intelixente e sostible, o Goberno galego ten apoiado 24 proxectos con axudas que ascenden a case 73 millóns de euros, mobilizando 272 millóns en sectores estratéxicos para a Comunidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/02/2021