Román Rodríguez destaca a FP Dual e a relación coas empresas como a principal opción de futuro na Formación Profesional

Salientou a alta empregabilidade desta modalidade e o contacto que supón para os estudantes coa realidade laboral

Puxo en valor o emprendemento e dinamismo do instituto monfortino, que é o único de Galicia que oferta o grao medio en Calzado e complementos de moda
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá a Xuntanza Virtual Simulación de Empresas con Finalidades Educativas (SEFED) Galicia, un evento organizado polo IES A Pinguela de Monforte de Lemos. Na súa intervención, o conselleiro destacou a modalidade Dual e a relación cas empresas como a principal opción de futuro na Formación Profesional, “para que os estudantes poidan vivir a realidade do mundo laboral desde o primeiro momento”, e que conta “cunha empregabilidade altísima, o un factor moi importante no actual contexto”.

O conselleiro lembrou, neste sentido, que o propio IES A Pinguela desenvolve dous proxectos de FP Dual este curso, o ciclo superior de Estilismo e dirección de peiteado e o de grao medio en Calzado e complementos de moda. Este último, implantado este curso, é de oferta única en toda Galicia neste centro, dada a súa vinculación co tecido produtivo da zona, “o que tamén supón unha vantaxe no referido á empregabilidade dos seus titulados”, dixo.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo tamén en valor as iniciativas que desde o Goberno galego se impulsan para fomentar o espírito emprendendor desde o sistema educativo, en concreto a través do eduemprende. A este respecto, destacou a ampla rede de 26 viveiros de empresa en centros educativos, uns espazos nos que non só se presta asesoramento técnico aos emprendedores no seu camiño cara á creación dunha empresa, senón que se lles facilitan as instalacións para constituír a súa primeira oficina (espazo, mobiliario, teléfono, etc).

Román Rodríguez felicitou aos organizadores e participantes na xornada polo en que se están enfrontando ás incertezas que a actual pandemia están supoñen tanto para a realización da súa formación como no seu camiño cara o emprego ou o emprendemento e animounos a escoitar aos relatores participantes na Xuntanza Virtual e aprender da súa experiencia e exemplo.

Empresas simuladas

A finalidade da Xuntanza Virtual Simulación de Empresas con Finalidades Educativas (SEFED) Galicia é a de ser un espazo para o encontro, formación e servir de ferramenta pedagóxica para o alumnado que leve a cabo este tipo de actividades.

O Proxecto SEFED utiliza a creación dunha empresa na aula dun centro educativo como ferramenta pedagóxica para formar o alumnado de forma práctica e transversal, utilizando a simulación de empresas como metodoloxía de aprendizaxe, é dicir, promovendo a formación por medio da experiencia e do método aprender facendo, aprender traballando.

Así, cada centro educativo participante crea unha empresa na aula cunha distribución por departamentos e recursos habituais nunha oficina, que funciona como unha empresa real: compra e venda dos seus produtos ou servizos, ten relacións comerciais con outras empresas simuladas de todo o mundo, contabiliza operacións, paga impostos e xestiona recursos humanos, etc.

Deste xeito, o alumnado consegue as competencias de cada un dos postos de traballo e intégrase nun contexto no que se vive o ambiente laboral e se dan as condicións dunha relación de traballo que facilitan a aprendizaxe e o adestramento de situacións, tarefas e procesos habituais na vida real.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/02/2021