Medio Ambiente e Ecoembes entregan case 700 novos contedores amarelos e azuis a 32 concellos galegos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes colaboran nesta acción de ampliación e mellora das infraestruturas para fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas, bricks e de papel, á que se destinan 240.000 euros

Ambas entidades tamén puxeron en marcha outras iniciativas para impulsar a reciclaxe deste tipo de refugallos urbanos na que implica aos concellos, como Únete ao reto; e aos negocios de hostalaría, restauración e catering, como é o Proxecto Horeca
 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia e Ecoembes instalarán case 700 novos colectores en 32 concellos galegos para que os cidadáns poidan reciclar os seus envases de plásticos, latas e briks (contedor amarelo), e papel e cartón (contedor azul).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Ecoembes, organización ambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases en España, veñen de impulsar esta acción -á que se destinan 240.000 euros- recollida dentro do plan para fomentar e reforzar a reciclaxe na Comunidade galega.

Os concellos que se beneficiarán destas novas infraestruturas para a reciclaxe son: A Baña, Camariñas, Ponteceso, Narón, Cabanas, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Val do Dubra, Padrón, Teo, Outeiro de Rei, Chantada, Pantón, Begonte, As Nogais, Portomarín, Lugo, Monterroso, Courel, Riotorto, Antas de Ulla, Ribadeo, Cerdedo-Cotobade, Caldas de Reis, Meaño, A Cañiza, Baiona, Poio, Fornelos de Montes, Tomiño e Agolada.


Así, a actual rede de reciclaxe de envases e papel, que conta con máis de 5.000 puntos ao logo da xeografía galega, increméntase en 555 puntos máis para a reciclaxe de plásticos, latas e briks e en case 140 novos contedores azuis, para a reciclaxe de papel e cartón.

Desde a Consellería de Medio Ambiente destácase que a distribución de novos contedores é unha das liñas de actuación estratéxicas fixadas por ambas entidades recollidas nun proxecto conxunto -dotado dun orzamento de 400.000 euros-, co fin de facilitar aos cidadáns a reciclaxe e así reforzar o seu compromiso co coidado do medio ambiente, a través dun xesto tan sinxelo como depositar nos colector correspondente este tipo de refugallos urbanos.

Ademais deste incremento de contedores amarelos e azuis, ambas entidades colaboración en campañas como Únete ao Reto, que se está levando a cabo en varios municipios, como son Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados e que ten como obxectivo que os concellos participantes que melloren polo menos un 10% a súa achega ao colector amarelo respecto ao mesmo período do ano pasado. Todos aquelas entidades locais que sexan capaces de mellorar ditas cifras acadarán un premio de 2.000 euros que se doará a unha causa social local da súa elección.

Outro dos proxectos nos que a Xunta e Ecoembes tamén veñen colaborando é o o proxecto Horeca, unha iniciativa para fomentar que os negocios de hostalaría, restauración e catering separen os envases nas súas instalacións e que xa conta con máis de 3.000 locais que mostran a súa concienciación ambiental en máis de 120 concellos de toda Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/02/2021