A Xunta abre o prazo de solicitude de distintas liñas de axudas á cidadanía para mercar, alugar ou rehabilitar vivendas

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os menores de 35 anos que queiran comprar residencia en concellos de menos de 5.000 habitantes poden pedir as achegas do IGVS ata o 1 de setembro

Tamén se pode solicitar xa o Bono de Alugueiro Social, destinado a colectivos con máis dificultades económicas

A liña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda orientada á rehabilitación enerxética de inmobles residenciais está aberta ata o 31 de xullo

Os particulares interesados en promover proxectos de enerxías renovables nos seus fogares poden solicitar os apoios do Inega a partir da próxima semana

A Vicepresidencia primeira fomenta o embelecemento do Camiño de Santiago cun programa que tamén achega financiamento para melloras en vivendas
 

Lugo, 27 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), xa ten activadas algunhas das convocatorias anuais de axudas destinadas á cidadanía para facilitar o acceso a unha vivenda mediante compra ou alugueiro; así como para rehabilitar edificacións existentes.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que unha das liñas xa abertas é a dirixida a apoiar a compra de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de mozos ou mozas menores de 35 anos, que optan a achegas de ata 10.800 euros. Os inmobles poderán ser novos ou usados, deberán estar xa construídos e o seu prezo de venda non debe superar os 100.000 euros. Os interesados poden presentar solicitudes ata o vindeiro 1 de setembro.

Arias subliñou que esta medida, incluída no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, contribúe ao dobre obxectivo de facilitar á mocidade a compra da súa vivenda habitual e asentar xente nova en áreas rurais. O programa esgotou cada ano o crédito dispoñible desde a súa posta en marcha en 2018 e neste exercicio ten unha dotación inicial de 800.000 euros, que poderá ampliarse.

Bonos para alugueiro social

A Xunta tamén abriu o prazo para pedir o Bono de Alugueiro Social, orientado a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas. Ata o próximo 10 de decembro poden pedirse estas subvencións, con contías que oscilan entre os 175 e os 225 euros ao mes, equivalentes ao 50 por cento da renda mensual máxima da vivenda alugada segundo a localidade na que estea situada.

A maiores, o Bono de Alugueiro Social tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de que o beneficiario permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes.

Ao longo de todo o 2021 a contía concedida a través do bono alugueiro verase complementada por outra axuda da Xunta de carácter extraordinario para que os seus beneficiarios non teñan que pagar nada en concepto de alugueiro de vivenda. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente asumirá entre os meses de xaneiro e decembro o pagamento do 100% do alugueiro de todas as familias perceptoras do bono, dando así continuidade a unha das medidas de carácter social adoptadas xa en 2020 para responder á situación provocada pola pandemia da Covid-19 entre os colectivos máis vulnerables.

Rehabilitación enerxética de edificios

As persoas interesadas en optar ás axudas que xestiona o IGVS para executar obras de rehabilitación enerxética en vivendas unifamiliares ou edificios de tipoloxía residencial, poden solicitalas ata o próximo 31 de xullo.

A convocatoria está dotada con 8,5 millóns de euros para financiar tres tipos de actuacións: que promovan a eficiencia enerxética da envolvente térmica; que aposten polo uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; ou que melloren as instalacións de iluminación.

Axudas do Inega para fomentar as enerxías limpas nos fogares

A Vicepresidencia e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), tamén abrirá na vindeira semana os prazos de solicitude de dúas liñas de axudas dirixidas a particulares que queiran impulsar proxectos de enerxías renovables nos seus fogares.

Por unha banda, a Xunta reserva 3,1 millóns de euros para a convocatoria orientada á instalación de proxectos de renovables térmicas (biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica), co fin de promover o aforro enerxético e o uso de fontes renovables. A contía destas axudas, que se poderán solicitar a partir do 1 de marzo, será do 50%, agás no caso da aerotermia, que será do 30%, cun máximo de 60.000 euros no caso de axudas para comunidades de veciños.

Por outro lado, o Inega impulsa unha liña de axudas para autoconsumo, dotada con 2 millóns de euros para instalacións fotovoltaicas a través dunha convocatoria cuxo prazo abrirá o 3 de marzo. A contía dos apoios será dun 50% cun máximo de 25.000 euros por proxecto colectivo. Establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 euros que pode incrementarse ata os 5.550 euros no caso de que se instalen baterías de litio.

Ambas convocatorias son de concorrencia non competitiva e as solicitudes deberán presentarse a través das entidades colaboradoras por vía telemática ata o 1 de xullo (unha vez que abran os prazos o 1 e o 3 de marzo, respectivamente).

A Vicepresidencia primeira fomenta o embelecemento do Camiño

Ademais, a Vicepresidencia primeira da Xunta mantén aberto ata o próximo xoves, 4 de marzo, o prazo para que os particulares e as entidades locais interesadas soliciten as axudas destinadas á mellora paisaxística e ao embelecemento do Camiño de Santiago. A convocatoria deste ano está dotada con 1,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2020.

Con esta medida favorécese a restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe e a cultura vinculados ao Camiño.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/02/2021