O presidente da Xunta participou este mediodía no acto de entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2020
Feijóo avanza que a vindeira estratexia RIS3 estará centrada na sustentabilidade para potenciar o ecosistema innovador galego e impulsar a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial

Establece a integración do deseño e a innovación no ADN do emprendemento como un dos grandes retos deste século

Refírese aos premiados e finalistas como os grandes expoñentes dunha Galicia inconformista e talentosa “que intenta estar sempre un paso por diante”
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a vindeira Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia estará centrada na sustentabilidade para potenciar o ecosistema innovador galego e impulsar a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial.

Con este dobre obxectivo, Feijóo lembrou que no orzamento deste ano 2021, a Xunta conta cun investimento de 228 millóns de euros para I+D+i, unha contía que duplica o investido en 2014; e creou unha comisión interdepartamental neste eido para responder de xeito eficaz aos retos e identificar melloras nas políticas a desenvolver.

Durante o acto de entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2020, Feijóo resaltou que, durante a covid-19, houbo moitas empresas que deron unha auténtica lección de resiliencia e de reinvención; “e, en consecuencia, debemos planificar o futuro para consolidar o avanzado neste tempo”, dixo, co fin de acadar que a I+D+i teña raíces aínda máis profundas.

Non en van, antes da pandemia, en 2019, Galicia acadou nesta materia os niveis máis altos en toda a serie histórica: cun investimento en I+D+i de preto de 630 millóns; con máis de 11.000 persoas no sector; e con máis de 6.700 investigadores.

Nesta mesma liña, estableceu a integración do deseño e a innovación no ADN do emprendemento como un dos grandes retos deste século. “Na pandemia, demostrouse que as empresas necesitan máis que nunca creatividade, innovación e dixitalización”, abundou, recordando a posta en marcha, por parte da Administración autonómica, do Programa de Deseño para a Innovación 2020, que deu visibilidade a numerosos deseños industriais ligados á saúde, como a fabricación de EPIs, equipos de desinfección ou pantallas.

Por último, Feijóo referiuse aos galardoados e finalistas destes premios como os grandes expoñentes dunha Galicia inconformista e talentosa “que intenta estar sempre un paso por diante”.

“En innovación hai pioneiros aos que lle debemos moito do camiño andado, como o profesor Francisco Guitián; e compañías que continúan abandeirando o espírito da innovación co seu gran labor”, dixo, destacando a traxectoria da plataforma tecnolóxica ideada por Marine Instruments, para monitorizar pesqueirías de todo o mundo; o aproveitamento enerxético da corrente do mar que usa Magallanes Renovables; ou o sistema que Situm Technologies puxo en marcha para a localización de interiores en hospitais, centros comerciais ou aeroportos.

Así mesmo, destacou o traballo das empresas Cupa Innovación e Egatel, sen as cales non se pode entender o potencial do sector da lousa e da distribución de TV dixital, respectivamente.

E na categoría do deseño, resaltou a profesionalidade de Eva Yarza, Beatriz Lema e Sofía Blanco; así como dos traballadores de Cenlitrosmetrocadrado, Costa Comunicación Visual, Fruto DS, Televés, D-DUE e Bico de Xeado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/02/2021