A Xunta e a Federación Galega de Comercio avanzan na definición das medidas para impulsar a reactivación do sector en Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un novo encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, dentro da liña de colaboración con esta entidade

A Administración autonómica vai activar un programa específico de apoios para este sector que suman 20M€

As medidas destinaranse ao fortalecemento da competitividade dos establecementos de proximidade, tanto a través da súa dixitalización como do fomento do consumo mediante mecanismos como os bonos desconto para mercar no comercio local

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse de novo cos responsables da Federación Galega de Comercio, encabezada polo seu presidente, José María Seijas, dentro da liña de colaboración permanente que a Administración autonómica mantén con este sector.

A reunión centrouse no novo paquete de medidas que a Xunta de Galicia vai activar nas próximas semanas para acompañar ao comercio de proximidade na súa reactivación, unha serie de medidas das que o xoves se informou no Consello da Xunta e que están a ser consensuadas co sector.

Este novo programa autonómico contará con 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do comercio galego a través de iniciativas que contribúan á súa modernización e a incentivar o consumo.

Por unha banda, incluirá medidas que favorezan a transformación dixital do sector, cunha aposta clara polo comercio online; e por outra, activaranse axudas que permitan dar resposta ás necesidades máis inmediatas e contribúan a impulsar o consumo nas tendas, incluíndo neste caso, entre outras medidas, un programa de bonos de desconto para mercar no comercio local.

Tal e como explicou Conde, “seguimos identificando medidas para favorecer os sectores máis afectados, e o comercio é un dos que temos que acompañar nestes momentos de enorme dificultade”. Neste sentido, indicou que as medidas están orientadas ao consumo
“para que tanto os comercios como os consumidores se poidan beneficiar” e á dixitalización “para que os pequenos comercios teñan ferramentas para dar a resposta a través do comercio electrónico ou do servizo a domicilio”.

O comercio é un sector estratéxico da economía galega, xa que representa o 17% do emprego e o 13% do produto interior bruto (PIB) galego. A Xunta de Galicia é consciente da complicada situación que atravesa o sector polo impacto da covid-19 e as necesarias restricións adoptadas para frear a pandemia, e quere seguir colaborando co comercio de proximidade para dar solucións dentro do contexto socioeconómico actual e facilitar así a súa reactivación.

Estas medidas específicas de apoio ao comercio galego darán así continuidade ao Plan de Rescate que xa foi posto en marcha pola Xunta e que mobilizará máis de 160M€ para autónomos, microempresas, establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas restricións sanitarias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/02/2021