O novo proxecto ‘Xacobeo Miudiño’ impulsa o Camiño de Santiago con audiovisuais interactivos para a cativada co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a responsable de Seispés Producións, Xiana Lastra, presentan esta iniciativa do Fondo Xacobeo 2021

Artellado arredor das temáticas 'Descúbreo', 'Camíñao' e 'Víveo', ofrece subtítulos en galego para o aproveitamento de persoas con discapacidade auditiva

Está accesible de balde desde o Portal da Lingua Galega e a plataforma GaliciaLe

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia impulsa o coñecemento sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo na infancia co novo proxecto audiovisual interactivo Xacobeo Miudiño, feito pola produtora galega Seispés, e que é un das máis de 350 iniciativas beneficiarias do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Como indicou o secretario xeral de Política Lingüística durante a presentación deste proxecto, trátase dunha valiosa ferramenta e unha orixinal achega aos recursos audiovisuais sobre temática xacobea destinados á xente nova, nomeadamente á rapazada dos seis aos 12 anos e funciona “como material didáctico e incluso escolar pero tamén lúdico, co que o fenómeno Xacobeo adquire amplitude da man das tecnoloxías e da lingua galega, con formatos adaptados aos gustos e intereses da mocidade, accesibles para as persoas con discapacidade auditiva”, expresou.

Na presentación do proxecto que desde hoxe pode verse no Portal da Lingua Galega e proximamente na plataforma dixital da Rede de Bibliotecas Públicas GaliciaLe, participaron canda o responsable de Política Lingüística a creadora e co-produtora do proxecto, Xiana Lastra, e o director da biblioteca Ánxel Casal, Jesús Torres.

Participación activa do espectador

Este proxecto audiovisual ten como eixe vertebrador o Ano Xacobeo e o Camiño de Santiago e aspira a cubrir un baleiro, dado que non había ata o momento material audiovisual sobre estes temas destinado aos máis novos. As tres pezas audiovisuais que conforman Xacobeo Miudiño -Descúbreo, Camíñao e Víveo- adaptan boa parte do contido existente na web oficial sobre o Camiño de Santiago e, no tocante ao formato, mesturan imaxe real con animación e contan cunha voz en off que fía o relato.

Cun tratamento moi ameno, os vídeos buscan ademais a participación activa do espectador, que poderá interactuar co contido na pantalla: premer co rato para saber máis sobre algún aspecto ou responder certas preguntas, de maneira que a experiencia do vídeo sexa en parte personalizada. Á hora de reproducir os audiovisuais pódense habilitar subtítulos, de xeito que o material sexa accesible para persoas con discapacidade auditiva.

‘Descúbreo. Camíñao. Víveo’

A primeira das pezas, Descúbreo, dá conta de como xurdiu o fenómeno das peregrinacións a Compostela e como evolucionou no tempo. Afonso II O Casto, o bispo Teodomiro… pero tamén Sir Francis Drake ou María Pita desfilan polos 1200 anos de historia que se recrean neste vídeo. Na segunda entrega de Xacobeo Miudiño, Camíñao, explícase que é o Ano Santo Compostelán, como se gaña o Xubileo ou como é a cerimonia de apertura da Porta Santa. Pero non todo o episodio se desenvolve en Santiago de Compostela, senón que se nos convida a coller a mochila e saír a percorrer as dez rutas xacobeas que podemos escoller para chegar á cidade do Apóstolo.

Na peza que pecha o proxecto, Víveo, descubriremos as tradicións e as curiosidades do Camiño que nos axudarán a gozar da ruta que decidamos facer: o saúdo “Bo Camiño”, as sinalizacións como a frecha amarela ou a cuncha, a vestimenta típtica… e, xa chegados a Santiago, o Monte do Gozo, o Botafumeiro, a Berenguela, algunha que outra lenda compostelá e tamén a cultura e a gastronomía galegas.

Reactivación da cultura

Este proxecto é unha das iniciativas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 o repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que se puxo en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación do sector cultural ao inicio da pandemia e que vai ter continuidade nunha segunda edición.

O éxito desta medida reflíctese no importante interese que espertou no sector desde o seu inicio no que se levan destinado 2,5 millóns de euros para apoiar os proxectos de empresas, cooperativas, entidades sen fin de lucro e profesionais autónomos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/02/2021