A Policía Autonómica tramitou 50 denuncias no marco do Plan de hostalería segura da Xunta

Os axentes controlan que os establecementos hostaleiros respectan o aforo sanitario permitido, os horarios de apertura e peche, así como as medidas de prevención ante a covid-19 por parte de empregados e clientes como a distancia de seguridade e o uso obrigatorio da máscara

O Plan recolle que as mesas e cadeiras montadas no exterior e interior deben corresponderse coa capacidade máxima en condicións normais indicando cales delas se poden usar para cumprir co aforo establecido en cada momento

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021

Axentes da Policía Autonómica tramitaron desde este venres un total de 50 actas de infracción no marco dos controis para velar polo cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19 do Plan de hostalería segura, posto en marcha pola Xunta para garantir a seguridade na reapertura progresiva do sector.

Estes dispositivos da Policía Autonómica enmárcanse no seo da colaboración e a coordinación das forzas e corpos de seguridade coas policías locais dos concellos co obxectivo de controlar o cumprimento das restricións vixentes nos negocios de hostalería.

Durante os operativos os axentes comproban o cumprimento do aforo permitido, os horarios de apertura e peche e que tanto clientes como empregados respectan as medidas de prevención ante a covid-19 como a distancia de seguridade interpersoal e o uso obrigatorio de máscara. Ademais, informan de que desde o próximo venres será obrigatorio contar cun cartel nun lugar visible no exterior no que se informe da capacidade máxima do local e o aforo e porcentaxe permitidos no exterior e interior segundo a normativa vixente, así como a disposición de códigos QR para que os clientes poidan rexistrar a súa presenza.

Cómpre lembrar que, para facilitar o cumprimento do aforo sanitario e garantir as distancias de seguridade, o Plan de hostalería segura recolle que xa é obrigatorio que as mesas e cadeiras montadas no exterior e interior se correspondan coa capacidade en condicións normais e indicar con bandas ou adhesivos as que corresponda, de forma que só se poidan usar as permitidas segundo as porcentaxes máximas en cada momento.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recorda que as forzas e corpos de seguridade están a intensificar a vixilancia para dar conta dos incumprimentos que poñen en risco a saúde de todos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/02/2021