A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a Autoridade Portuaria da Vigo
A Xunta enxalza o labor do Porto de Vigo no impulso do sector marítimo-pesqueiro galego coa súa estratexia de crecemento azul

A Autoridade Portuaria de Vigo promove preto dunha vintena de iniciativas vencelladas con este eido, cun orzamento de case 30 millóns de euros, dentro dun plan que suma 48 proxectos e case 300 millóns de investimento

A estratexia Blue Growth 2021-2027 inclúe varios proxectos relacionados coa pesca fresca e conxelada para darlle valor aos descartes tanto en terra como a bordo dos barcos e coa consecución da Lonxa 4.0

As accións previstas tamén inclúen o ámbito formativo, a historia ou a inclusión social co obxectivo de enxalzar o patrimonio marítimo-pesqueiro da comunidade e favorecer a remuda xeracional no sector

A conselleira do Mar salientou a fortaleza da Autoridade Portuaria de Vigo, que lle permitiu superar a alerta sanitaria polo coronavirus aumentando os seus tráficos en 2020, e confiou en que siga a ser un dos grandes referentes do ámbito portuario europeo

Vigo, 1 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a Autoridade Portuaria de Vigo onde mantivo un encontro co seu presidente, Jesús Vázquez Almuíña, para analizar os proxectos e retos máis inmediatos da entidade portuaria viguesa. No encontro, no que tamén estivo a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, o máximo responsable da institución detallou polo miúdo as accións que está a desenvolver o porto de Vigo no marco da estratexia Blue Growth 2021-2027 -de crecemento azul, vencellada co mar- relacionadas coas competencias da Consellería do Mar.

Neste sentido, a titular enxalzou o gran traballo realizado pola Autoridade Portuaria de Vigo nunha planificación que inclúe un total de 48 proxectos e un orzamento de 293 millóns de euros entre os que se atopan preto dunha vintena de iniciativas que inciden de forma directa en distintos eidos do sector marítimo-pesqueiro cun orzamento global de preto de 30 millóns de euros.

As iniciativas impulsadas polo porto de Vigo céntranse en distintos aspectos, como a biotecnoloxía e a enerxía azul, con proxectos, entre outros, como os vencellados cos Peiraos do Solpor, que suman máis de oito millóns de euros, un de autosuficiencia enerxética no ámbito da Lonxa 4.0, con cinco millóns de euros, ou unha iniciativa vencellada coa rexeneración de fondos mariños que conta cun orzamento de máis de dous millóns de euros.

No eido da pesca fresca e conxelada, a Autoridade Portuaria de Vigo promove varios proxectos entre os que se atopa un para darlle valor aos descartes da pesca en terra, cun orzamento de preto de tres millóns de euros, e outro de redución ao máximo dos descartes a bordo, no que se prevé un investimento de 1,4 millóns de euros. A eles súmanse outros relacionados coa consecución da Lonxa 4.0 ou coa exaltación do porto de Vigo como polo de excelencia internacional da pesca que roldan o millón de euros de orzamento cada un.

O presidente da entidade portuaria viguesa tamén expuxo á representante do Executivo galego outras iniciativas relacionadas co ámbito formativo, coa historia e coa inclusión social que buscan poñer en valor o patrimonio marítimo-pesqueiro de Galicia e favorecer a remuda xeracional do sector así como un proxecto en materia de construción naval que aposta pola sustentabilidade e a humanización da frota pesqueira.

Importancia dos portos

A conselleira do Mar salientou o importante labor desenvolvido polo porto de Vigo como referente europeo no eido pesqueiro e a súa aposta polo crecemento do complexo mar-industria da comunidade e da economía azul, apostando por unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente e cos recursos.

Neste sentido, lembrou a importancia que teñen os portos na xeración de emprego e riqueza na súa contorna e a transcendencia de modernizar as súas infraestruturas para poder dar servizo ás empresas que dependen deles e favorecer así o crecemento do conxunto de Galicia e da súa economía.

Na mesma liña, a titular de Mar destacou a fortaleza da Autoridade Portuaria de Vigo pois soubo superar as dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus e logrou incrementar os seus tráficos en 2020. Por iso, confiou en que a liña de traballo seguida nos últimos anos lle permita manter a senda de crecemento, superar todos os retos aos que se enfronta e manterse como un dos grandes referentes do ámbito portuario europeo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 01/03/2021