Medio Ambiente e o Concello de Coristanco analizan posibles vías de colaboración para humanizar o centro urbano municipal

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co rexedor Juan Carlos García para abordar varios proxectos municipais relacionados con áreas da súa competencia

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Coristanco estudarán posibles vías de colaboración nun proxecto para humanizar o centro urbano da vila. No transcurso dunha xuntanza telemática celebrada esta tarde, a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Juan Carlos García trataron este e outros asuntos de interese municipal relacionados coas súas áreas de competencia.

En concreto e con relación á mellora proposta polo alcalde, Vázquez Mejuto trasladoulle que nos orzamentos do seu departamento para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a humanización e posta en valor das contornas urbanas.

De feito, avanzoulle que este mesmo mes convocarase unha nova orde de axudas dotada con 2,3 millóns de euros para actuacións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes, polo que Coristanco podería acollerse á mesma. A convocatoria, de carácter bianual, reservará 1,3 millóns a financiar actuacións municipais este ano e outros 950.000 euros quedarán para o vindeiro exercicio.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia leva unha década colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de diferentes tipos de intervencións e proxectos urbanísticos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Así, desde a posta en marcha do programa no ano 2010, o Goberno autonómico executou xa ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de concellos, mobilizando con elas un investimento total de 148,96 millóns de euros.

Demandas en materia residencial

Noutra orde de asuntos, o alcalde tamén lle trasladou o seu interese por incrementar o actual parque público residencial do municipio, explorando para conseguilo algunha das liñas de axudas para rehabilitación de vivendas que ofrece a Consellería.

Precisamente, Ángeles Vázquez explicoulle que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ten previsto publicar proximamente unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes interesados en recuperar edificios e vivendas de titularidade municipal para destinalos a alugamento social. A dotación desta orde será de 1,7 millóns de euros, un crédito inicial que poderá ser ampliado.

Así mesmo, tamén falaron do programa de infravivenda, unha liña destinada a axudar a concellos de menos de 10.000 habitantes para que poidan apoiar con carácter urxente a unidades de convivencia que residan, en condición de propietarios, nunha vivenda en mal estado de conservación e que non dispoñan de recursos económicos cos que poder reformala. Na convocatoria de 2021 está previsto que esta orde estea dotada con 0,27 M€.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/03/2021