Galicia é unha das tres únicas comunidades nas que descende o paro ao pechar febreiro cunha baixada do 0,41% con respecto a xaneiro

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou que a Comunidade segue a rexistrar menos persoas sen emprego que no inicio da pandemia

A Comunidade anota en febreiro unha baixada do paro (-0,41%) mentres que no Estado aumenta (+1,12%)

Galicia gaña 1.692 afiliacións respecto de xaneiro, o que a sitúa como 4ª rexión con mellor comportamento

Pese á subida do paro na evolución anual, a Comunidade galega continúa a niveis de paro inferiores aos de hai 12 anos, ao inicio da crise económica

Lado sinalou que a Xunta está a reforzar as súas políticas activas de emprego para loitar contra os efectos da pandemia dándolle prioridade aos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como son as mulleres

A Xunta reforzou este ano con 21 millóns de euros as axudas para impulsar a conciliación, o emprego, a formación e a contratación das vítimas violencia de xénero

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro e destacou que Galicia continúa rexistrando menos persoas sen emprego que ao inicio da pandemia. Con respecto a abril, mes que marca o impacto inicial da crise sanitaria, hai 6.401 (-3,34%) desempregados menos.

Galicia, ademais, pechou o mes de febreiro cunha baixada do paro do 0,41% con respecto a xaneiro do pasado ano, polo que a evolución positiva que viña rexistrando o mercado laboral galego nos meses de febreiro desde o ano 2014 continúa. O desemprego cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades, excepto en Lugo que crece un 0,47%, nos sectores da construción (-3,15%) e da agricultura e pesca (-2,80%) e en todos os tramos de idade.

Deste xeito a Comunidade galega, xunto co País Vasco e Estremadura, son as únicas que rexistran unha baixada no paro a pesares da pandemia que, na media estatal, reflicte un incremento en febreiro do 1,12% respecto ao mes de xaneiro.

En canto as afiliacións, Galicia conta con 994.029 ao peche de febreiro, 1.692 máis que no mes de xaneiro, o que a sitúa en termos absolutos como 4ª comunidade con mellor comportamento, so precedida de Cataluña, Madrid e Murcia.

Con respecto á subida do paro rexistrada na evolución anual -crece en todas as Comunidades Autónomas un 23,50% de media- con respecto a febreiro de 2020, Lado indicou que o incremento é consecuencia da covid-19. O paro interanual aumentou en Galicia nun 11,43% (+18.999 persoas). Pese a este crecemento, a Comunidade continúa en niveis de desemprego inferiores a hai 12 anos: en febreiro de 2009, ao comezo da crise económica, o aumento foi máis do dobre.

A responsable de Formación e Colocación apelou á prudencia, pese á baixada do paro este mes, e sinalou que a Xunta está a reforzar as súas políticas activas de emprego para loitar contra os efectos que a pandemia está a producir no mercado laboral. Así, indicou a importancia de apoiar aos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo, como son, entre outros, as mulleres, e aos autónomos e actividades económicas que tiveron que pechar polas restricións sanitarias.

Igualdade laboral

No eido da igualdade laboral, Lado indicou a importancia de seguir facendo un labor de prevención sensibilizando ás empresas. “Perfís distintos fan máis produtivos os equipos e ao tecido empresarial”, apuntou, ao tempo que explicou que hai compañías que xa están vendo que son máis produtivas cando existe unha igualdade real.

A Xunta conta cun amplo abano de axudas para traballar a favor da igualdade laboral, que se reforzaron este ano con 21 millóns de euros con medidas para impulsar a conciliación, o emprego, a formación e a contratación das mulleres vítimas da violencia de xénero.

A directora xeral apuntou, ademais, que se está a ultimar un estudo sobre o impacto da covid-19 no emprego feminino galego para ter unha fotografía real da situación actual e poder seguir deseñando actuacións para continuar avanzando cara á igualdade de oportunidades. Este traballo está a avaliar, entre outros aspectos, a situación laboral e profesional das mulleres por sectores e provincias; as necesidades e barreiras existentes en materia de formación e dixitalización; o grao de emprego do teletraballo; a conciliación; e o grao de implantación dos plans de igualdade nas empresas.

Outros dos colectivos nos que está a incidir a Xunta é o dos autónomos e tamén naquelas actividades económicas que tiveron que pechar como consecuencia das restricións sanitarias como son a hostalería, os ximnasios ou o sector do ocio infantil, entre outras. Así, o Goberno galego activou en tempo récord axudas directas para salvar o maior número de empregos posibles. Na actualidade, está en marcha o segundo Plan de rescate, que xunto co primeiro, mobilizará máis de 160 millóns de euros en catro meses para autónomos, microempresas, establecementos hostaleiros e outros negocios pechados como consecuencia da pandemia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/03/2021