As directoras xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª
A Xunta ten en marcha apoios ao marisqueo fronte aos efectos dos temporais e adoptará medidas adicionais en caso de que sexa necesario

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro sinalou que é preciso agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos e a contar co informe detallado da situación que acheguen os representantes das confrarías

Os técnicos da Consellería do Mar traballan no seguimento das zonas nas que se rexistrou baixa salinidade das augas e desprazamento de marisco cara ás praias como consecuencia do mal tempo

O Executivo galego ten a disposición do sector axudas para proxectos de mellora das zonas marisqueiras e para a protección dos ecosistemas que poden empregarse para paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas

En canto ao caso do buque ‘Venturer’, a directora xeral de Pesca informou de que a Administración galega obtivo información puntual do estado da súa tripulación a través dos contactos mantidos co Goberno central, co Consulado General en Salvador de Bahía e coa empresa armadora

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, lembrou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego os apoios postos pola Xunta a disposición do sector marisqueiro para a recuperación das súas zonas de produción ante os efectos causados polos últimos temporais. Nesta liña, sinalou que é preciso agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos e a contar co informe detallado da situación que acheguen os representantes das confrarías. Unha vez se coñezan con exactitude os efectos destes episodios e, en caso de que sexa necesario, o Executivo galego podería incrementar o crédito das achegas dispoñibles ou habilitar apoios adicionais para o sector.

Neste sentido, a directora xeral lembrou que a Xunta traballa no seguimento das zonas afectadas e ten a disposición do sector marisqueiro axudas que pode empregar para paliar os efectos dos últimos episodios meteorolóxicos. Unha destas liñas de achegas é para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles e conta na convocatoria deste ano cun orzamento dun millón de euros cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Outra liña, engadiu a directora xeral, é para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e conta cun orzamento de 300.000 euros na convocatoria de 2021.

Tamén citou a vía de apoios que permite ás confrarías de pescadores a contratación de técnicos para colaborar na avaliación e seguimento dos plans de xestión dos recursos marisqueiros e salientou que preto do 100% dos plans contan con este asesoramento técnico. A maiores, Susana Rodríguez especificou que a Consellería do Mar realiza tamén a través de encomendas, traballos de rexeneración en zonas de libre marisqueo ou zonas con actuacións non cubertas polas ordes de axudas.

En canto aos efectos dos temporais nos moluscos, a directora xeral destacou que se trata dun fenómeno habitual e unha consecuencia natural dos períodos de intensas precipitacións, sobre todo nos lugares máis próximos ás desembocaduras dos ríos e con menor profundidade.

‘Venturer’

En relación ao caso do buque Venturer, que estivo en corentena no porto de Salvador de Baía con tripulantes afectados pola covid-19 e que agora continúa coa súa actividade habitual tras dar negativo os seus tripulantes, a directora xeral de Pesca informou de que desde o coñecemento do caso a Xunta se puxo en contacto co Goberno central e co Consulado General en Salvador de Bahía. A través destes contactos, o Goberno galego obtivo información puntual do estado da tripulación e das previsións ao respecto da súa atención. Tamén estivo en contacto coa empresa armadora, coa que confirmou a súa comunicación cos tripulantes e disposición a atender ao mariñeiro que estivo hospitalizado na súa estadía en Brasil e que actualmente está de regreso na súa residencia en Galicia.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 02/03/2021