A Xunta destina máis de 72.800€ para actuacións para a recuperación e posta en valor do parque natural das Fragas do Eume

Gonzalo Trenor visitou as obras que se están realizando de rehabilitación dun lavadoiro e unha fonte no lugar da Graña en Pontedeume

Esta orde establece as axudas para concellos e particulares para conservar e revalorizar o patrimonio natural no ámbito dos parques naturais da provincia

Pontedeume (A Coruña), 3 de marzo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou unha das actuacións que se está realizando ao abeiro da orde pola que se establecen as axudas para concellos e particulares para conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia no ámbito dos parques naturais da provincia.

Estas axudas están cofinanciadas nun 75% polo Fondo Agrícola Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), e teñen como obxectivo contribuír á conservación e posta en valor dos parques naturais de Galicia financiando investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito que abranguen os parques.

Así, entre os seus fins principais cómpre subliñar a mellora da paisaxe agraria e o desenvolvemento de usos recreativos a través da construción de cercas, sebes ou da restauración de muros; a sinalización de camiños e a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; ou a recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional como poden ser hórreos, miradoiros, cabanas, valados e fontes, entre outros.

Trenor desprazouse ao lugar de da Graña no concello de Pontedeume, onde se levaron a cabo a rehabilitación dun lavadoiro e fonte cunha achega de máis de 38.000 euros. O delegado da Xunta lembrou que este plan está destinado a recuperar construcións singulares en colaboración cos concellos e con particulares nas zonas de rede natura, supón un investimento total na comarca de Ferrolterra de máis de 72.800 euros en 3 actuacións de particulares e dúas de concellos no Parque Natural das Fragas do Eume.

O delegado da Xunta destacou o esforzo do Goberno autonómico por poñer en valor os espazos de singular valor ecolóxico e subliñou “o especial empeño por apoiar a recuperación e a posta en valor do patrimonio natural de Galicia a través de orde de axudas coma estas”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/03/2021