A preestrea do filme 'Nación' de Margarita Ledo Andión abre o venres no CGAI unha nova edición do ciclo 'Olladas de Muller'

Organizado pola Xunta en colaboración co Consello da Cultura Galega no marco da conmemoración o vindeiro luns do Día Internacional da Muller, inclúe seis filmes feitos por e sobre mulleres de diversas nacionalidades

A directora luguesa Margarita Ledo Andión presentará na filmoteca galega o seu último traballo e protagonizará o coloquio arredor del

A Coruña, 3 de marzo de 2021

A preestrea do filme Nación, da directora luguesa Margarita Ledo Andión, abre este venres na Coruña a nova edición do ciclo Olladas de Muller, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa, enmarcada na programación cultural da Xunta de Galicia no marco do Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitos por e sobre mulleres. A entrada é de balde.

Nación, filme realizado co apoio das subvencións á produción da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrece unha pescuda inspiradora sobre as galegas na segunda metade do século XX. A través da historia da fábrica de porcelanas Pontesa, homenaxea a todas as mulleres que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos, intercalando imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular. Será a propia autora quen presente a película o venres ás 19,00 h. na sede do CGAI e protagonice o coloquio posterior. Nación ten prevista a súa estrea en cines comerciais o 26 deste mes.

O ciclo continuará o sábado con Cen anos entre tres reinos, de Alicia López Méndez e Xabier López Rodríguez. O filme mostra, a través das lembranzas dos seus protagonistas, a evolución de San Ciprián de Hermisende, lugar de Zamora situado entre Galicia, Portugal e Castela e León. O vindeiro martes, día 9, será a quenda das directoras Patricia Pérez e Heidi Hassan, quen presentarán o seu traballo A media voz e participarán no coloquio en liña posterior. Trátase dun documental autobiográfico no que as dúas cineastas cubanas, amigas da infancia e compañeiras de estudos, percorren as súas vidas marcadas pola longa separación e a correspondencia desde diferentes lugares.

Presentación de ‘A metamorfose dos pássaros’

O mércores chegará outra preestrea, a de A metamorfose dos pássaros, documental da portuguesa Catarina Vasconcelos que afonda nas raíces da súa familia a partir da relación entre o seu avó Henrique, oficial da Mariña embarcado, e Beatriz, a nai que coida dos seus fillos. O ciclo continúa o xoves con Beginning, ópera prima da xeorxiana Dea Kulumbegashvili que gañou a Concha de Oro do pasado Festival de San Sebastián con esta historia da insatisfacción interior da esposa do líder dunha comunidade de testemuñas de Xehová no marco do conflito ocasionado polo ataque dun grupo extremista.

A proxección da francesa Sébastien Lifshitz Una niña (Petite fille) pecha o conxunto de exhibicións centradas nas mulleres. Trátase dun documental que cuestiona o xénero a través da historia de Sasha, que con 7 anos ten claro que cando medre ha ser unha nena, e das dificultades que atopa na súa contorna, malia o apoio incondicional dos seus pais.

Outros ciclos

Xunto cos filmes integrantes de Olladas de Muller, o CGAI ofrece en marzo outras proxeccións, como as enmarcadas no ciclo Universo Wong Kar-wai: Fallen Angels, Happy Togheter e In the Mood for Love, ou en Off Galicia, con El cazador e Las altas presiones, de Ángel Santos, e Xan e a historia, de Lucía Estévez. As dúas primeiras serán presentadas polo seu director e as dúas últimas, pola súa directora e o seu guionista, Miguel Canalejo.

Ao longo deste mes, no que o CGAI cumprirá o 30º aniversario desde a súa inauguración o 15 de marzo de 1991, haberá tamén novas entregas de Desencadres, cunha sesión de filmes de Stan Brakhage, así como dúas citas baixo o título A película embruxada. Mani Kaul e as figuras inconexas, coas películas Mati Manas e Duvhida, ambas presentados en liña polo crítico, editor e programador Francisco Algarín, e dentro de Fóra de serie, con Anunciaron tormenta, de Javier Vázquez Fernández, quen presentará o filme tamén por videoconferencia.

Ademais, o sábado 27 de marzo ás 18,00 horas proxectarase a emblemática Matar a un ruiseñor, de Robert Mulligan, no marco do apartado CGAI Júnior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/03/2021