A conselleira de Política Social visitou hoxe as obras de ampliación deste centro
Fabiola García sinala que a cooperación institucional permitirá duplicar a capacidade da residencia de Porqueira ata as 46 prazas

O Goberno galego investirá 300.000 euros nesta actuación

Sinala que os usuarios deste centro tamén retoman a normalidade con paseos e ata tres visitas semanais por dúas persoas de referencia

Porqueira (Ourense), 3 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a cooperación institucional permitirá duplicar a capacidade da residencia de Porqueira, ao pasar de 24 a 46 prazas. Manifestouno durante unha visita ás obras na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e da alcaldesa da localidade, Susana Vázquez.

O Goberno galego asumirá parte do custe desta actuación que se prevé rematar antes de que finalice o ano. En concreto, a Administración autonómica investirá 300.000 euros, un importe que completarán a Deputación de Ourense e o propio Concello de Porqueira. “Un traballo colectivo que persegue o noso obxectivo común: ofrecer aos cidadáns o maior número de servizos e da mellor calidade”, apuntou a conselleira.

Fabiola García destacou que esta obra é un dos proxectos interrompidos pola pandemia que se retoman. Así mesmo, lembrou que os usuarios desta residencia tamén están volvendo á normalidade ao poder saír a dar paseos e recibir ata tres visitas semanais por dúas persoas de referencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/03/2021