A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou no porto de Marín aos alumnos do centro de ensino A Aixola
A Xunta promove a formación práctica adaptada ás necesidades do sector marítimo-pesqueiro para impulsar a remuda xeracional

A actividade formativa do centro de formación A Aixola ten unha orientación cara o que sería o traballo real nas empresas

A oferta do curso 2020-2021 inclúe a manipulación de redes, madeira e outros materiais, a velaría e a reparación de embarcacións pneumáticas así como o mantemento de instalacións eléctricas e mecánicas en buques menores

Dos oito cursos programados para este ano académico hai catro que están a realizarse ou a piques de comezar e que suman un total de 51 prazas e máis de 1.200 horas de formación

Rosa Quintana salienta que a metodoloxía aplicada nesta escola busca unha formación sólida que garanta a retención do coñecemento adquirido e complementar a oferta do resto de centros de ensino da Consellería do Mar

A representante do Executivo galego tamén analizou co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra a evolución da actividade do peirao e as perspectivas e retos de futuro

Marín (Pontevedra), 3 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe ao alumnado do centro de formación A Aixola, onde destacou a importancia de apostar por unha formación adaptada ás necesidades do sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de facer fronte ao reto da remuda xeracional. Neste sentido, lembrou que os cursos que imparte a Aixola teñen unha orientación totalmente práctica, na que se integra a teórica, e que pretende emular o traballo nas empresas ao contar cun profesor-titor ao que se lle asigna un grupo de aprendices en cada especialidade.

A oferta formativa do centro dependente da Consellería do Mar está dirixida a persoas relacionadas co sector marítimo-pesqueiro e inclúe accións en distintos eidos entre os que se atopan, entre outros, o traballo con embarcacións de madeira, as instalacións eléctricas e mecánicas, a velaría ou a redaría. No ano académico 2020-2021 a escola imparte oito cursos con máis de 2.500 horas de formación e un cento de prazas.

Destas oito accións formativas, catro -relacionadas coa construción naval, a confección de artes e aparellos, mecánica de embarcacións e velaría- xa foron impartidas e outras catro -que contan con 51 prazas e máis de 1.200 horas de formación- están a realizarse agora ou comezarán proximamente.

Un destes cursos en marcha é o de reparación de embarcacións pneumáticas, que comezou o pasado 29 de xaneiro e remata o 30 de abril, cun total de 300 horas de duración e praza para 12 persoas. Outra acción formativa en proceso é a relacionada coa electricidade e a hidráulica básicas aplicadas ao buque, tamén con 12 prazas, 275 horas de formación e que se desenvolve entre o 1 de febreiro e o 26 de abril.

O terceiro curso xa iniciado é o de elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores, con 15 prazas, 300 horas de formación e que se imparte desde o 12 de febreiro ata o 14 de maio. A eles sumarase proximamente outro de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca con praza para 12 alumnos e 330 horas lectivas.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, incidiu en que a metodoloxía aplicada pola Aixola busca acadar unha formación sólida que garanta a retención do coñecemento adquirido e pretende complementar a formación dos outros centros formativos dependentes da Consellería do Mar, as escolas náutico-pesqueiras de Ferrol e Ribeira, o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

Neste sentido, subliñou a importancia de preservar certos oficios que se desenvolven nos portos así como xerar novas oportunidades laborais para o sector marítimo-pesqueiro e contribuír á remuda xeracional. Por iso, destacou, Galicia seguirá a traballar na posta en valor das profesións relacionadas co mar, na mellora das súas condicións de traballo e na capacitación de novos profesionais para garantir o futuro do sector.

Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra

Despois da visita á Aixola, a conselleira do Mar estivo na Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra onde mantivo un encontro co seu presidente, José Benito Suárez, para analizar a actividade do porto no contexto actual marcado pola alerta sanitaria da covid-19 e os retos relacionados coas dársenas e os espazos portuarios.

Na xuntanza, na que tamén estivo a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, destacaron o valor do movemento de tráficos para dinamizar a actividade portuaria e a economía de Galicia. Ademais, puxeron en valor a importancia de que as distintas administracións teñan en consideración o valor que aportan os portos á economía das cidades que os albergan e do conxunto de Galicia, pois son polos de atracción de investimento.

Este encontro dá continuidade ao celebrado de xeito conxunto a principios de febreiro cos presidentes das cinco autoridades portuarias de Galicia -A Coruña, Ferrol-San Cibrao, Marín-Ría de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa- e ten como obxectivo intercambiar pareceres sobre a operatividade e competitividade do peirao.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 03/03/2021