A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá nunha webinar sobre o Pacto Social pola Vivenda

A Xunta pide a arquitectos e aparelladores implicación para encher de vida e poñer en valor as vilas galegas grazas aos 72 M€ reservados ás políticas de vivenda

Ángeles Vázquez salienta que este tipo de encontros serven para dar a coñecer á sociedade a batería de medidas e proxectos do Pacto

Agradece o apoio dos arquitectos e dos aparelladores a esta folla de ruta do Goberno, pola importancia das políticas de rehabilitación e de rexeneración na dinamización económica e social

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá aos arquitectos e aparelladores a súa implicación para encher de vida e poñer en valor as vilas e cidades galegas a través dos 72 millóns de euros que no ano 2021 se mobilizarán en distintas liñas de actuación en materia de vivenda.

A conselleira de Medio Ambiente participou esta mañá nunha webinar sobre o Pacto Social pola Vivenda, na que estiveron presentes preto dun cento de membros do Colexio de Arquitectos e Aparelladores. Salientou que o Pacto Social pola Vivenda é unha estratexia completa e unha folla de ruta pensada para as familias e as empresas e que, nun momento como o actual, será unha axuda para impulsar a reactivación económica e social de Galicia.

Destacou a importancia deste tipo de encontros para dar a coñecer a batería de medidas e ferramentas que as administración poñen a disposición da sociedade e que agora é imprescindible que a sociedade en xeral as coñeza, para chegar ao maior grupo de colectivos posible.

A modo de exemplo, recordou que ao longo de 2021 se disporán 28 millóns de euros para facilitar o acceso á vivenda, máis de 35 millóns de euros a actuacións de rehabilitación e renovación urbanas e outros 8 millóns a solo residencial, tres das liñas de actuación que inciden directamente nas persoas.

Agradeceu o apoio do colectivos dos arquitectos, que destacaron a oportunidade que supón este Pacto como estratexia participativa para impulsar as actuacións en materia de vivenda na Comunidade autónoma e resaltaron a especial importancia das políticas de rehabilitación e de rexeneración urbana, non só no eido da recuperación de inmobles senón tamén da dinamización económica e social de estes ámbitos. Asemade, salientaron a importancia de resaltar a calidade da arquitectura feita en Galicia de xeito especial nas intervencións nesta materia.

Pola súa banda, os aparelladores consideraron o Pacto como un gran logro de todos os intervintes e unha oportunidade para o conxunto da sociedade galega; e salientaron a variedade de medidas adoptadas e incluídas no Pacto, tanto dende o punto de vista de actuación no territorio como social. Ademais, mostraron a súa dispoñibilidade a seguir traballando coa administración na procura dos obxectivos definidos no pacto.

O Pacto Social pola Vivenda é un pacto dinámico, realista e consensuado que se articula en base a catro liñas estratéxicas e que combina medidas xa implantadas con 12 novas iniciativas, nas que a rehabilitación é un eixe fundamental e unha prioridade de Goberno, ao ser unha ferramenta para dinamizar o mercado e por apostar por proxectos construtivos que precisan do traballo e da experiencia dun colectivo profesional, como os arquitectos e os aparelladores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/03/2021