A Xunta reduce o consumo enerxético do IES Vilar Ponte de Viveiro tras destinar máis de 230.000 euros ás obras de rehabilitación

O delegado territorial, Javier Arias, visitou o centro para comprobar o resultado dos traballos de mellora da eficiencia das instalacións, que xa finalizaron

A intervención centrouse no illamento das fachadas, a renovación de fiestras e a modernización dos equipos de iluminación
 

Viveiro (Lugo), 03 de marzo de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade finalizou as obras de rehabilitación no IES Vilar Ponte de Viveiro, ás que destinou 236.000 euros co obxecto de mellorar a eficiencia das instalacións e reducir o consumo enerxético.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o instituto para coñecer o resultado dos traballos, que duraron aproximadamente tres meses e centráronse no illamento de fachadas, a renovación de ventás e a modernización dos equipos lumínicos.

Así, nas fachadas instalouse un sistema de illamento térmico exterior co sistema SATE e no interior do centro colocáronse falsos teitos. En canto ás fiestras, as que non foran cambiadas nos últimos anos substituíronse por outras de carpintería de aluminio con dobre acristalamento.

Tamén se renovou o sistema de iluminación con equipos LED de alta eficiencia enerxética e colocáronse sensores de presenza nas zonas comúns para regular o acendido e apagado das luces.

Arias destacou que todas estas medidas en conxunto suporán una diminución da demanda enerxética do recinto educativo, o que suporá aforro económico e redución das emisións contaminantes.

O IES Vilar Ponte de Viveiro foi construído en 1968 e posteriormente, en 1991, ampliouse cunha nova edificación conectada á que xa existía. As melloras que veñen de rematar centráronse no inmoble máis antigo.

O delegado salientou que este proxecto forma parte do Plan de Reactivación e Dinamización de Galicia, que incrementou en 30 millóns de euros o orzamento previsto inicialmente o ano pasado para destinar a obras e equipamentos en centros de ensino, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas. Ademais, apuntou que este ano a Xunta continúa planificando e executando melloras nas infraestruturas escolares.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/03/2021