A Xunta adxudica as obras para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica PO-404 no concello de Tui

Os traballos, que comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de 2 meses, suporán un investimento superior aos 32.000 euros

Trátase de prolongar a senda construída na glorieta de acceso á depuradora de Guillarei, executada pola Xunta cun investimento de 263.000 euros
 

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para a execución dunha senda peonil na estrada PO-404, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, no concello de Tui.

A intervención foi adxudicada á empresa Construcciones Obras y Viales S.A. e conta cun investimento de 32.400 euros.

Os traballos, que comezarán nas vindeiras semanas, teñen un prazo de execución de 2 meses.

Esta actuación permitirá prolongar a senda no perímetro da glorieta da intersección da estrada autonómica co viario de acceso á depuradora de Guillarei, salvando un punto da estrada especialmente estreito. Esta glorieta foi executada pola Xunta no ano 2019, cun investimento de preto de 263.000 euros.

Construirase un treito de senda de 60 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, cun ancho mínimo de 1,5 metros.

A intervención, que se executará no dominio público existente, inclúe un muro e sostemento dunha altura media de 1,5 metros.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade.
 

Data de actualización: 04/03/2021