Trenor supervisa o inicio das obras do Centro Interxeracional de Coristanco que conta cunha achega da Xunta de 120.000€

O delegado da Xunta e o alcalde visitaron as instalacións na área recreativa da Rocheira, que se están acondicionando para albergar recursos e actividades para maiores e mozas e mozos

Coristanco (A Coruña), 4 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, supervisaron o inicio das obras do novo centro social interxeracional do municipio que conta cunha achega do Goberno galego de 120.000 euros, que está repartida en dúas anualidades: 2020 e 2021. O Concello é o encargado de executar as obras de remodelación do inmoble, situado na área recreativa da Rocheira, e ademais xestionará posteriormente o centro.

Trenor destacou a vontade do Concello de que o centro sexa de carácter interxenaracional, polo que poderá albergar recursos e actividades, non só para os maiores, senón tamén para as mozas e mozos do municipio.

O edificio de 447,65m2 conta con dúas zonas, unha delas dedicarase integramente a actividades para os maiores aproveitando ademais a propia localización do centro nunha zona verde. O mesmo ocorre coa área destinada á xuventude, que será un valor engadido para as instalacións, xa que contan moi preto do futuro centro cunha piscina e o campo de fútbol municipal.

O delegado da Xunta subliñou a importancia da colaboración entre as administracións locais e a autonómica, que está permitindo a extensión de recursos, tanto para as nenas e nenos como para os maiores, por toda a xeografía galega, especialmente nos concellos do rural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/03/2021