Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 10,5 M€ na mellora das entradas dos camiños de Santiago en Compostela
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2121

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe, de xeito telemático, na clausura da xornada “Intervencións desde a enxeñería na conservación e recuperación dos Camiños de Santiago en Galicia” organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta está a investir 10,5 millóns de euros no acondicionamento das entradas dos Camiños Inglés, Francés e Portugués en cinco zonas diferentes de Compostela para que no verán mude por completo a experiencia dos peregrinos. Neste marco, destacou o papel dos enxeñeiros de Camiños da Consellería de Infraestruturas, que son os que están a tutelar a transformación das chegadas a Compostela das rutas Xacobeas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade detallou tamén outras actuacións impulsadas pola Xunta para a mellora dos Camiños: como a senda de Alba, en Pontevedra, parte do Camiño Portugués; o acondicionamento do treito do Camiño do Norte en Sobrado; ou o itinerario recentemente rematado no Camiño Inglés en Ordes.

Puxo en valor a oportunidade do Xacobeo para dinamizar a economía na comunidade e apelou a preservar e divulgar o Camiño de Santiago desde unha perspectiva integral por parte das Administracións.

Na xornada tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que explicou polo miúdo as intervencións de mellora e integración paisaxística que se están a levar a cabo nas entradas dos Camiños en Santiago de Compostela.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/03/2021