A Consellería do Mar traballa para executar este ano a rexeneración da praia da Pescadoira de Bueu cun investimento de 94.000 euros

O delegado territorial, Luis López, visita a confraría de pescadores deste concello e informa das iniciativas que ten en marcha a Xunta ao seu patrón maior, José Manuel Rosas, nunha reunión á que tamén asistiu o alcalde, Félix Juncal

O Goberno galego vén de conceder unha axuda de 17.500€ á entidade para modernización de infraestruturas tras investir máis de 10 M€ en accións pesqueiras e marítimas no Concello de Bueu na última década

Bueu (Pontevedra), 4 de marzo de 2021

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar para executar este mesmo ano a rexeneración da praia da Pescadoira, en Bueu, un proxecto que se prevé licitar proximamente co obxectivo de iniciar os traballos no segundo semestre do ano. Esta actuación suporá un investimento de 94.000 euros.

Esta foi unha das accións analizadas na visita do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, á Confraría de Pescadores de Bueu, onde mantivo un encontro co patrón maior, José Manuel Rosas, que tamén é presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, e no que tamén estivo o alcalde, Félix Juncal.

O representante autonómico, que se interesou polo funcionamento da entidade, unha das máis importantes da provincia, trasladoulles que Portos de Galicia ten previsto actuar este mesmo ano na praia da Pescadoira co obxectivo de rexenerala e de poñela a disposición da cidadanía nas mellores condicións.

Luis López tamén explicou que outro dos proxectos da Consellería do Mar é a mellora da accesibilidade peonil para o embarque de pasaxeiros no peirao de Bueu, no que se pretende facer unha reordenación do solo portuario na zona de acceso dos peóns aos peiraos de pasaxe, reforzando así a súa seguridade. Unha actuación que se complementaría coa instalación dunha marquesiña por parte do Executivo municipal.

O delegado territorial valorou moi positivamente “o traballo económico e social” despregado pola confraría de Bueu e reiterou o “absoluto compromiso e apoio” da Xunta de Galicia coas súas necesidades, “xa que o labor das xentes e das entidades do mar é fundamental na xeración de riqueza e emprego na nosa comunidade e tamén na defensa da propia forma de ser e de vivir do pobo galego”.

Neste senso, lembrou que a entidade vén de recibir unha axuda do Consellería do Mar de 17.500 euros para accións de modernización de infraestruturas tras investir máis de 10 millóns de euros en accións pesqueiras e marítimas no Concello de Bueu ao longo da última década. Entre as iniciativas desenvolvidas destacan as achegas para acuicultura e transformación, as compensacións por paralización ou os investimentos en buques e na ordenación e xestión dos recursos mariños, así como en infraestruturas e equipamentos para a clasificadora da lonxa, o estaleiro do Purro, os procesos de automatización, as cabanas mariñeiras de Cabo Udra, Pescatrans, a fábrica de xeo ou a zona de poxa, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/03/2021