A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu ao acto institucional de inicio das obras das novas instalacións da empresa TMGA no porto exterior de punta Langosteira
Galicia reivindica a importancia da conexión ferroviaria a Punta Langosteira para garantir a competitividade e a rendibilidade do peirao

A Xunta lembra que esta infraestrutura é vital para que o porto exterior poida captar novos tráficos e seguir medrando en beneficio da súa área metropolitana e do conxunto da comunidade galega

O Executivo autonómico lamenta que o Goberno central non cumprise o protocolo asinado en 2018 entre Xunta, Autoridade Portuaria da Coruña e Estado que garantía a financiación do proxecto con fondos estatais e europeos

A conselleira do Mar apela á colaboración entre administracións na busca de solucións que impidan poñer en risco a viabilidade presente e a rendibilidade futura da dársena coruñesa

A comunidade pide ao Executivo central que remate cos agravios comparativos entre o porto coruñés e outras entidades portuarias mediterráneas e lembra que o porto exterior de punta Langosteira é o único do sistema portuario español que carece de conexión ferroviaria

Rosa Quintana agradece a aposta da empresa Terminais Marítimos de Galicia polo porto exterior arteixán pois foi a primeira compañía en asentarse nel e vai ampliar as súas instalacións ata os 42.000 metros cadrados de superficie
 

Arteixo (A Coruña), 4 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe ao acto institucional de inicio das obras das novas instalacións da empresa Terminais Marítimos de Galicia (TMGA) no porto exterior de punta Langosteira, onde reivindicou a transcendencia de que o peirao conte cunha conexión ferroviaria para poder captar novos tráficos e seguir medrando. Sen esta infraestrutura, lamentou, veranse comprometidas tanto a súa competitividade como a súa rendibilidade futuras.

Neste sentido, a titular de Mar agradeceu a aposta de TGMA pola dársena de Arteixo -que foi a primeira compañía en asentarse neste peirao e agora amplía as súas instalacións- e lembrou que para que o porto poida aproveitar ao máximo o seu potencial de crecemento debe contar cunha conexión para o transporte de mercadorías acorde ás súas instalacións. Neste sentido, incidiu en que se trata dunha obra esencial para o porto da Coruña, para a súa área metropolitana e para o conxunto de Galicia.

Por iso, lamentou que o Goberno central non cumprise o protocolo asinado en 2018 entre a Xunta, a Autoridade Portuaria da Coruña e o Executivo central -daquela presidido por Mariano Rajoy- que garantía a financiación do proxecto con cargo a fondos estatais e europeos e incluía a previsión da súa licitación no primeiro semestre de 2019 así como o inicio das obras na segunda metade do ano.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou que a conexión ferroviaria a punta Langosteira é unha obra de interese xeral para o tecido económico de Galicia e apelou á necesaria colaboración entre administracións na busca de solucións que impidan poñer en risco a viabilidade presente e a rendibilidade futura do porto exterior.

Neste sentido, a conselleira do Mar subliñou que a dársena coruñesa xa demostrou que obtén bos resultados ao captar un investimento privado de máis de 235 millóns de euros e remarcou que ten moita marxe de crecemento se conta coas infraestruturas necesarias para poder afrontar o incremento dos tráficos e a loxística aparellada a eles. Por iso, Rosa Quintana demandou o compromiso do Estado co porto exterior mediante a licitación dunha obra que é fundamental para garantir a súa competitividade nos vindeiros anos.

A titular de Mar pediu ademais que o Goberno central poña fin aos agravios comparativos entre o porto coruñés e outras entidades portuarias mediterráneas e lembrou que o porto exterior de punta Langosteira é o único do sistema portuario español que carece dunha conexión ferroviaria que lle permita conectar con rapidez a súa actividade co tecido económico existente na súa contorna.

O Executivo galego considera ademais que a conexión ferroviaria co porto exterior coruñés é vital para o Corredor Atlántico de Mercadorías e contribuiría a acelerar o traslado da actividade existente no porto interior da Coruña, o que permitiría abrir os seus espazos para o uso do conxunto da cidadanía da Coruña.

A empresa TMGA

Terminais Marítimos de Galicia é unha empresa estibadora creada en 1995 e a primeira en volume de actividade e facturación do porto da Coruña. Abarca distintos tipos de tráficos pero está especializada nos graneis sólidos, na mercadoría xeral e en pezas especiais. Foi a primeira empresa en instalarse no porto exterior de punta Langosteira e na actualidade xa conta con catro naves que ocupan 29.000 metros cadrados. As obras de ampliación supoñen a construción de dúas novas naves, ata acadar os 42.000 metros de superficie, e un investimento total de 25 millóns de euros desde a súa chegada ao peirao arteixán.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/03/2021