A Xunta reivindica o papel das mulleres na economía social a través dunha campaña en liña coa que se conmemora o 8-M

A terceira edición desta iniciativa, que se suma ao resto de actuacións impulsadas polo Goberno galego con motivo do Día Internacional da Muller, pode seguirse a través do hashtag #MulleresNaEconomíaSocial

Un vídeo amosa o empoderamento feminino en entidades de economía social e busca concienciar sobre a importancia de promover a igualdade entre homes e mulleres ao longo de todo o ano

A Consellería de Emprego e Igualdade destaca que a igualdade de oportunidades é un dos fundamentos principais das organizacións de economía social, un modelo de xeración de riqueza que aposta polo desenvolvemento sustentable
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A Xunta, con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o próximo luns 8 de marzo, pon en marcha a terceira edición da campaña online Mulleres na economía social que, protagonizada por mulleres, pretende reivindicar e poñer en valor o papel destacado das traballadoras da economía social, un modelo de xeración de riqueza que aposta pola igualdade de oportunidades e o desenvolvemento sustentable.

A iniciativa, que pode seguirse a través do hashtag #MulleresNaEconomíaSocial, súmase ao resto de iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o 8 de marzo. A campaña destaca por un vídeo que amosa o empoderamento feminino nalgunhas entidades de economía social, entre as que se atopan Artigo 14, Somosterra, EspazoCoop, Unión de Cooperativas Galega, Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional, Fundación Érguete Integración, Cormo Integral Empresa de Inserción ou a Cooperativa Vitivinícola Arousana, que comercializa a marca de albariño Paco & Lola.

O vídeo, que se estrea hoxe nas redes sociais da rede Eusumo, poñe, polo tanto, en valor o traballo das mulleres na economía social. Os contidos da campaña seguirán compartíndose ao longo deste mes nas mesmas redes sociais e poderá seguirse no mesmo hashtag #MulleresNaEconomíaSocial.

Coa posta en marcha desta iniciativa preténdese adquirir conciencia sobre a importancia de economía social dentro da sociedade igualitaria e a necesidade de igualdade os 365 días do ano. Ao mesmo tempo, pretende ser unha homenaxe para todas as mulleres da economía social.

As empresas que forman parte da economía social son, entre outras, as cooperativas, fundacións, asociacións con ánimo de lucro, sociedades laborais, confrarías, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e mutuas. En todas elas priman ás persoas e o fin social, a xestión democrática, o desenvolvemento local, a inserción de persoas en risco de exclusión social, a xeración de emprego de calidade e a conciliación da vida familiar e laboral.

A promoción da igualdade laboral é un eixo principal da Consellería de Emprego e Igualdade en 2021 coa posta en marcha de novos programas de formación para traballadoras e traballadores e as empresas nesta materia, así como a creación de instrumentos tecnolóxicos que faciliten a implantación dos plans de igualdade nas compañías e o mantemento das axudas dirixidas a potenciar o teletraballo como medida de fomento da conciliación laboral e familiar.

Ademais, un dos piares do orzamento do departamento autonómico é crear e manter a actividade económica polo que a área de emprego, traballo autónomo e economía social crece un 88% para poñer o foco na realidade de Galicia, atendendo ás persoas e ás empresas. No ámbito da economía social promoveranse actuacións para dar a coñecer esta fórmula empresarial, destacando como novidade, o programa Es-Próxima para poñer en valor a calidade dos produtos e servizos e os beneficios que aporta a economía social.
 

Data de actualización: 06/03/2021