Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra realizarán un cribado poboacional intensivo en Cambados

Desde o vindeiro luns, día 8 de marzo, botará a andar nas farmacias do municipio pontevedrés un proceso que ten por obxectivo a detección de casos asintomáticos

Máis de 5.000 persoas de entre 40 e 64 anos están chamadas a participar neste programa que se estenderá até o día 15 de marzo

Até o de agora, 33.186 persoas xa participaron no proceso de auto recollida de mostras de saliva para a súa posterior análise no Laboratorio de Microbioloxía da área Sanitaria de Vigo

Pontevedra, 5 de marzo do 2021

O programa de colaboración para a detección de persoas asintomáticas por covid, asinado estre a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, levará a cabo desde o vindeiro luns día 8 de marzo en Cambados un novo cribado poboacional intensivo co ánimo de detectar novos casos positivos na localidade pontevedresa.

Esta nova convocatoria, á que están chamadas a participar máis de 5.000 persoas de entre 40 e 64 anos, ten por obxecto contribuír a frear unha posible expansión do virus Sars-Cov-2 no municipio salnesiano.

Cómpre subliñar que, a diferenza do cribado que se está levando a cabo a nivel provincial, no caso do proceso que se levará a cabo até o vindeiro día 15 de marzo no concello de Cambados, non estará limitado o número de persoas que cada día poden recoller un tubo de mostra na farmacia. Ademais, e de xeito excepcional, ampliarase o horario de entrega das mostras de saliva nas farmacias até as 14 horas, de luns a venres.

A Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, fan un chamamento á poboación diana deste cribado, convidándoas a solicitar o seu tubo de mostraxe en calquera das oficinas de Farmacia adheridas ao programa. Desde as mesmas, achegaráselle toda a información precisa para realizar dun xeito correcto todo o procedemento.

Desde que se puxo en marcha o programa de cribados poboacionais a través das farmacias da provincia, o pasado 9 de febreiro, un total de 33.186 persoas xa participaron no proceso de auto recollida de mostras de saliva para a súa posterior análise no Laboratorio de Microbioloxía da área Sanitaria de Vigo.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 06/03/2021