A Xunta alerta do impacto que suporá o peche de Ence para o emprego no sector forestal galego

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuníronse hoxe con representantes do sector

O Goberno galego advirte de que a factoría supón arredor de 5.000 empregos directos e indirectos e o seu peche afectaría a toda a industria forestal e ao ámbito loxístico

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A Xunta alerta do impacto para o emprego no sector forestal galego que suporía o peche de Ence se o Goberno central non modifica o artigo 18 da futura da Lei de Cambio Climático e a Transición Ecolóxica.

Así llo trasladaron representantes do sector hoxe nunha reunión co vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. No encontro participaron membros de asociacións de propietarios forestais, de subministración de transporte, de aproveitamento forestal, así como o responsable de loxística forestal de Ence.

O Goberno galego advirte de que o peche afectaría á actividade industrial e aos postos de traballo que xera en Galicia, xa que a factoría supón arredor de 5.000 empregos directos e indirectos cun total de 250 empresas de Pontevedra que traballan para Ence. Ademais, trátase do segundo comprador de madeira en Galicia, polo que o impacto, ademais dos traballadores da factoría, esténdese a todo o sector forestal e ao ámbito loxístico.

A Xunta destaca que se vai manter ao lado dos traballadores e produtores debido a que a actividade industrial de Ence na ría de Pontevedra resulta fundamental para o emprego de moitas familias, máxime nun momento de crise laboral debido á covid-19. Por iso, o Goberno galego incide en que a única solución para que Ence continúe en Galicia é a modificación do artigo 18 para evitar a súa saída.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/03/2021