A Xunta presenta a versión actualizada do Celga 1 en liña que permite por primeira vez a autoformación en lingua galega

“O recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do momento que poidan dedicarlle”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, enmarca a nova ferramenta na Estratexia Galicia Dixital 2030

Rodríguez Miranda destacou que “os galegos do exterior poden acceder a estes cursos co obxectivo de manter e mellorar a nosa lingua fóra das nosas fronteiras”

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca hoxe as probas oficiais do Celga para o 2021, cuxo prazo de inscrición remata o 12 de abril

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia ven de poñer en marcha unha versión actualizada do Celga 1 en liña, que permite por primeira vez a autoformación en lingua galega a través dunha ferramenta vencellada a el. Esta nova versión, accesible desde o Portal da Lingua Galega, en aberto a partir de mañá, foi presentada hoxe polos secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio Rodríguez Miranda, e pola directora da Amtega, Mar Pereira.

“O novo recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do tempo que cada persoa poida dedicarlle”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Neste mesmo senso, subliñou que con esta nova versión actualizada do Celga 1 en liña, que tamén renova a ata agora existente desde 2010, “completamos a serie de cursos anovadores e modernos que configuran o ensino e a aprendizaxe do Celga, para alén de potenciar a presenza da nosa lingua no ámbito das tecnoloxías”.

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou o potencial que ofrecen as tecnoloxías para o impulso e o coñecemento da cultura e a lingua galega. Mar Pereira lembrou que a sociedade dixital e inclusiva e a cultura son dous dos sete eixes estratéxicos da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a importancia desta medida para os galegos do exterior, que poden así acceder a uns cursos regrados que lles permitan manter e mellorar a nosa lingua fóra das nosas fronteiras, “mantendo así un vínculo esencial coa súa terra e coas súas orixes”. O feito de que agora contemos cunha ferramenta así, facilitará aínda máis esta aprendizaxe, coa que optar a un título oficial que lles permita competir en igualdade de condicións, desde o punto de vista lingüístico, co resto de galegos e galegas, “algo especialmente importante no caso dos emigrantes que desexen retornar a Galicia, e tamén para os nosos bolseiros Bemes, que veñen cada ano a Galicia facer un mestrado nunha das nosas universidades”.

Con ou sen titorización

A nova ferramenta de autoformación en liña súmase á actualización do curso titorizado que os 150 alumnos e alumnas do Celga 1 en liña empregan xa desde esta semana, no marco da formación preparatoria de 70 horas que seguen ata o 6 de maio destinada aos exames oficiais. A principal diferenza é que presenta unha versión que estará aberta desde mañá, de forma permanente, no Portal da Lingua Galega, garantindo un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego desde calquera lugar e a calquera hora. Na nova opción, non hai límite de prazas nin datas específicas de acceso e tampouco é precisa matriculación, polo que o acceso será tan sinxelo como cubrir un rexistro previo. É un recurso inesgotable e accesible a través da rede para todas aquelas persoas que estean interesadas en comezar a aprender a lingua galega ou en preparar a proba oficial.

Para alén dos cursos titorizados do Celga 1 que convoca a Xunta, este novo curso de autoformación pode seguirse sen necesidade dun titor, xa que as persoas usuarias van avanzando na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta. Así, a través dunha interface de navegación sinxela, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a cada unha das 12 unidades do curso divididas en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar.

Como última novidade, as unidades 1 e 2 están adaptadas á lectura fácil para facilitarlles a aquelas persoas que teñen dificultades lectoras e/ou de comprensión o acceso á aprendizaxe da lingua. Ademais, ao final de cada unidade o alumnado contará cun vídeo interactivo para repasar os contidos tratados nela.

Probas para obter os Celga

Tamén hoxe, a Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se convocan as probas para obter este ano os certificados de lingua galega nos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. O prazo de solicitude e aboamento de taxas oficiais comeza mañá, 18 de marzo, e permanece aberto ata o vindeiro 12 de abril. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude da sede electrónica da Xunta e indicar nel a proba ou probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística, preferiblemente por vía electrónica.

As probas realizaranse entre os meses de maio e xuño de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19 o permite, en Santiago de Compostela, para os niveis Celga 1, 2, 3 e 4 e en Ponferrada, para os niveis Celga 2, 3 e 4. As datas concretas será publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas tanto no DOG como no Portal da Lingua Galega.

Sistema Celga

Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao MECRL e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego aos efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame (agás o nivel 5) convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/03/2021